'ListAbierta': Unha ferramenta para democratizalo todo

ListAbierta busca financiamento en Goteo.org para desenvolver a aplicación Dominio Público Ahora tú Decides

A pesar da extensión das novas tecnoloxías e das redes, os procesos de deliberación e elección no seo da maior parte das organizacións sociais seguen apostando polas fórmulas tradicionais, presenciais. Algúns colectivos foron introducindo nos últimos tempos distintos mecanismos de votación en liña, botando man das ferramentas que tiñan ao seu alcance, e noutros reprodúcense cada vez con máis intensidade os debates sobre a necesidade de poñer en marcha mecanismos de primarias, por exemplo, ou votacións nas que participen todos os militantes e simpatizantes e que non requiran unha presenza física.

"Actualmente as dificultades técnicas e as necesidades de investimento en tecnoloxía frean moitas organizacións á hora de implementar procesos electorais baseados en listas abertas"

ListAbierta é unha iniciativa da plataforma Ahora Tú Decides (ATD) co obxectivo de ofrecer unha ferramenta que facilite todos estes procesos, que sexa gratuíta e poida ser utilizada por todo tipo de colectivos, dende grandes partidos políticas até pequenas asociacións de todo tipo. Unha aplicación que permita realizar votacións internas, asegure a transparencia e permita a difusión de informacións e a articulación de debates sen a actual dependencia dos medios de comunicación. E que sexa, ademais, segura e confiable, e tamén  flexible e adaptable ás necesidades de cada organización. Os seus promotores explican que "actualmente as dificultades técnicas e as necesidades de investimento en tecnoloxía frean moitas organizacións á hora de implementar procesos electorais baseados en listas abertas".

Para poder desenvolvela, ATD necesita entre 6.500 e 9.500 euros, para pode pagar o traballo dos programadores e deseñadores da aplicación e da web. E para acadar esa cantidade vén se botar a andar unha campaña de crowdfunding en Goteo.org. A cambio dos apoios que reciban, ATD oferece unha serie de recompensas, que no caso das achegas máis importantes poden consistir nun labor de asesoramento para todo tipo de organizacións. Falamos co compostelán Fabio Gándara, un dos responsables desta plataforma. 

"A maioría carecen de métodos e ferramentas que garantan a democracia interna e a transparencia, fomentando así un caldo de cultivo idóneo para o nepotismo e a corrupción"

Os movementos e organizacións sociais aproveitan as ferramentas online todo o que deberían para facilitar, democratizar e facer transparentes os mecanismos de toma de decisións?

A maioría das organizacións sociais e institucións de España non utilizan as ferramentas online para tomar decisións reais. Como moito estas ferramentas son usadas para difundir información sobre as súas actividades e para manter un contacto bidireccional informal (na maioría dos casos mesmo é unidireccional) coas súas respectivas comunidades, pero nunca como foro para tomar as decisións máis transcendentes. As causas disto son diversas: dificultades técnicas, unha gran fenda dixital que supón que os membros de moitas organizacións descoñezan que métodos e posibilidades teñen ao seu alcance, as necesidades de investimento en tecnoloxía... As consecuencias son claras: en todo o panorama organizativo da nosa sociedade a democracia e a transparencia brillan pola súa ausencia: partidos, sindicatos, ONGs, colexios, asociacións..., a maioría carecen de métodos e ferramentas que garantan a democracia interna e a transparencia, fomentando así un caldo de cultivo idóneo para o nepotismo e a corrupción.

Botando a vista atrás, por exemplo á España anterior ao 15 de maio de 2011, avanzouse nesta materia?

Aos poucos vaise avanzando, e sen dúbida os grupos, partidos e movementos sociais nados ao abeiro do 15M son máis pioneiros nestes aspectos. Iniciativas como Democracia 4.0 (que pretende implantar métodos de democracia dixital para que os cidadáns poidamos participar directamente no Congreso), Ahora Tú Decides (un movemento político e social construído desde cero a través da participación cidadá), Partido X (un partido moi baseado nas novas tecnoloxías e na organización en rede) ou Asemblea Virtual (un espazo deliberativo e organizativo virtual dispoñible para calquera movemento ou organización) non serían posibles sen o 15M.

Con todo, mesmo os movementos sociais máis vangardistas adoitan decidir presencialmente, cando menos sobre os asuntos de maior importancia. É a tónica xeral cando o movemento é dunha cidade. Cando o movemento é de carácter estatal, ou hai que coordinar a grupos de varias, si se utilizan ferramentas dixitais online (como mumble, zoom...), pero case sempre dunha forma máis asemblearia e informal: os portavoces elixidos en cada sitio presencialmente, transmiten o consensuado no seu grupo. Despois de atopar puntos en común para ver propostas nas que se inclúa todo ou case todo o decidido por cada grupo, os portavoces volven con esas propostas aos grupos para que cada grupo debata e decida respecto diso nunha reunión presencial.

"Se a xente que participa nos movementos ten a oportunidade de tomar democraticamente os partidos, organizacións e institucións e abrilas á participación, a súa vontade converterase en vontade cidadá e xa non será unha barreira"

Que efectos positivos para o funcionamento e o fortalecemento dun movemento social tería a implementación dun sistema como o que propoñedes?

Todos os movementos sociais chegan a un punto no que chocan con vontades opostas políticas e institucionais, que lles impiden conseguir o que se propoñen. Se a xente que participa nos movementos ten a oportunidade de tomar democraticamente os partidos, organizacións e institucións que conforman o tecido político-social do noso país e abrilas á participación, a súa vontade converterase en vontade cidadá e xa non será unha barreira. Cantas máis organizacións empecen a utilizar unha ferramenta como ListAbierta para o desenvolvemento de procesos electorais internos abertos á cidadanía, máis voz terán estes movementos de base.

Os participantes de ATD apostan na súa gran maioría por pelexar á vez dentro e fóra das institucións. Un exemplo desta aposta é a Marea Branca, integrada por xente que está fóra e dentro das institucións da Sanidade e coa acción coordinada e o traballo conxunto conseguiron parar privatizacións. Funcionaron mellor e saíron fortalecidos ao logralo.  A ferramenta ListAbierta servirá para facilitar que este obxectivo se consiga, ao permitirlles aos cidadáns teren voz, voto e peso directamente dentro de calquera institución ou organización.

Ademais, tamén é unha ferramenta útil para aqueles movementos sociais que elixan institucionalizarse tomando a forma de asociación, ONG, etc., tratándose dun sistema gratuíto, sinxelo, útil e práctico para organizar na súa totalidade procesos electorais participativos baseados en listas abertas.

"A nosa intención é ofrecer unha ferramenta que sexa o máis segura posible, aínda que con distintos graos configurables de esixencia a gusto da organización usuaria"

Como se garante a seguridade e a non-manipulación deste sistema de votación para que sexa confiable?

A nosa intención é ofrecer unha ferramenta que sexa o máis segura posible, aínda que con distintos graos configurables de esixencia a gusto da organización usuaria. Por exemplo, a organización que decida iniciar un proceso electoral aberto poderá decidir se o abre completamente á cidadanía ou só a un censo determinado, e poderá esixir para confirmar a identidade do votante desde unha simple verificación por correo electrónico ao envío dixitalizado dunha fotocopia do DNI, pasando polo sistema máis seguro que existe: o certificado electrónico, que é o instrumento máis fiable que teñen os cidadáns a día de hoxe para realizar xestións coa Administración por internet.

"ListAbierta será plenamente personalizable e configurable de acordo ao obxectivo da organización usuaria, aínda que dende Ahora Tú Decides apostamos sen dúbida por buscar solucións respectuosas coas minorías"

Recentemente realizouse unha crítica aos sistemas de primarias afirmando que "prexudican ás minorías". Que opinión vos merece?"

Todo depende como se expoñan as primarias (e en especial depende da boa predisposición do universo votante). A nosa ferramenta ListAbierta será plenamente personalizable e configurable de acordo ao obxectivo da organización usuaria, aínda que dende Ahora Tú Decides apostamos sen dúbida por buscar solucións respectuosas coas minorías. Cando participamos no proceso de converxencia SUMA, a xente primeiro, que axuntaba movementos sociais, partidos autonómicos e estatais, un gran debate foi o de como se poderían levar a cabo unhas primarias europeas para respectar os territorios e o xénero. Unha das propostas de ATD foi a realización de listas abertas por comunidades autónomas, garantindo así que na lista ían estar representadas todas as rexións. A continuación, para que o teu voto fose válido podería esixírselles aos usuarios que emitisen dous votos, a unha muller e a un home, respectando así a paridade de xénero.

ListAbierta busca financiamento en Goteo.org para desenvolver a aplicación Dominio Público Ahora tú Decides

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.