“Moitos dos que aspiran ás Ramón y Cajal danlles vinte voltas aos membros de tribunais nas universidades”

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

A semana pasada ocupou un espazo destacado en case todos os medios de España que a Diego Martínez Santos, un investigador que acababa de recibir o premio da Sociedade Europea de Física ao mellor novo físico de partículas do ano, lle denegaran un contrato do programa Ramón y Cajal, creado para recuperar cerebros do estranxeiro. Martínez Santos, que traballa en Ámsterdam, non é o único físico que non logrou unha desas axudas e, posiblemente, nin sequera o que ten mellor curriculum dos que quedaron fóra.

Ningún deles logrou un dos 175 contratos que ofrece o programa Ramón e Cajal, creado para atraer cerebros fuxidos e reter o talento científico que xa está en España

O Goberno español non pode ofrecer un contrato a mozos como Jonay González, un investigador do Instituto Astrofísico de Canarias que, con 33 anos, xa liderou un traballo que foi portada de Nature, a revista científica máis prestixiosa do mundo. Tampouco ten capacidade para reter o talento do físico alemán do Instituto de Física Interdisciplinar e Sistemas Complexos (CSIC/UIB) de Palma de Mallorca Daniel Brunner, que con 31 xa publicou na propia Nature, en Science e en Physical Review Letters. E o mesmo sucede con Marian Tórtola, do Instituto de Física Corpuscular (CSIC/UV) de Valencia, que recibiu en 2009 o premio á mellor investigadora novel na modalidade de Física Teórica pola Real Sociedade Española de Física (RSEF) e a Fundación BBVA, e forma parte do consello editorial dunha das mellores revistas científicas do seu campo, entre outros méritos. E estes son só algúns casos.

En total, o programa, que dura cinco anos, ten un custo de 54 millóns de euros, moito menos, por poñelo en contexto, que os 68,7 millóns de euros que recibiu só José Ignacio Goirigolzarri cando abandonou o seu posto de conselleiro delegado no BBVA

Ningún deles logrou un dos 175 contratos que ofrece o programa Ramón e Cajal, creado para atraer cerebros fuxidos e reter o talento científico que xa está en España. Se o conseguiran, o Goberno tería que proporcionarlles a estes científicos de categoría mundial un soldo de 33.720 euros anuais, aproximadamente un terzo do que cobra, por exemplo, un concelleiro do Concello de Madrid. A esa cifra habería que engadirlle 40.000 euros para cubrir durante catro anos os gastos relacionados co desenvolvemento da súa investigación e 100.000 máis para axudar a crear para eles un posto de traballo no centro de investigación ou a universidade correspondente ao final do seu contrato. En total, o programa, que dura cinco anos, ten un custo de 54 millóns de euros, moito menos, por poñelo en contexto, que os 68,7 millóns de euros que recibiu só José Ignacio Goirigolzarri cando abandonou o seu posto de conselleiro delegado no BBVA ou os 88,1 que se embolsou o seu homólogo no Santander, Alfredo Sáenz.


Descontento coa avaliación

O programa Ramón y Cajal viu reducido o seu número de prazas desde as 800 con que arrincou no 2000, até as 175 que se convocaron para este ano

O programa Ramón y Cajal viu reducido o seu número de prazas desde as 800 con que arrincou no 2000, até as 175 que se convocaron para este ano e que quedarían en 400 se se lle suma o programa Juan da Cierva, unha escisión do Ramón y Cajal orixinal, peor dotada, para investigadores con menos experiencia. Ás dificultades pola redución de prazas e  ao descontento entre quen non lograron ser seleccionados, en particular no campo da física, engadiuse este ano a forma en que se explicou a decisión. A avaliación realizouse en dúas partes: catro apartados nos que avaliadores externos valoraban as achegas científicas do candidato e a súa participación en centros e proxectos internacionais e un quinto, valorado por un comité no que se incluían membros do Ministerio de Economía e Competitividade, no que se tiña en conta o potencial de liderado e a relevancia internacional do investigador.

Varios investigadores de gran nivel, como os mencionados antes, lograron puntuacións por riba do 90% no catro primeiros apartados. Con todo, todos eles suspenderon no quinto, onde só obtiveron 9,9 puntos sobre 20. Esa rechamante coincidencia, décima incluída, non se corresponde ademais coa explicación que ofrecen os avaliadores para xustificala. No caso de Martínez Santos, por exemplo, afírmase que “o solicitante alcanzou no seu campo un nivel de relevancia internacional algo menor que o de investigadores de idades similares á súa”. O físico español merece, en opinión dos avaliadores, unha puntuación idéntica á que recibe Brunner, ao que con todo se valora moito mellor dicindo que, dada a súa idade, “o candidato goza dun recoñecemento apreciable por parte da comunidade investigadora”. Jonay González, que ten unha puntuación global aínda superior á de Brunner, é valorado en termos menos entusiastas afirmando que “o solicitante alcanzou no seu campo un nivel de relevancia internacional comparable ao de investigadores de idades similares á súa”.

“A min -continúa Brunner- en toda a avaliación dinme que son moi bo, e na última parte, tamén, pero despois quítanme a metade dos puntos. Leo iso e non sei que mellorar, que podo  facer o próximo ano”, conclúe

O comité responsable do último punto da avaliación, no que hai representantes da Secretaría de Estado de I+D+i, contravén os mesmos mandatos que lle ofrece aos avaliadores, onde se afirma que “o informe debe ser claro, estar ben argumentado e ser coherente coa puntuación”. Esta ambigüidade deixou unha sensación de estupor en investigadores como Brunner. “É normal que se solicitas unha bolsa tan competitiva, non sempre gañes, porque hai xente moi boa”, afirma. “Pero aínda que non recibas a bolsa, podes utilizar a avaliación para mellorar no futuro”, engade. “A min -continúa Brunner- en toda a avaliación dinme que son moi bo, e na última parte, tamén, pero despois quítanme a metade dos puntos. Leo iso e non sei que mellorar, que podo  facer o próximo ano”, conclúe.


Avaliación minuciosa, en parte

Bravo xustifica a falta da meticulosidade e as posibles incoherencias na avaliación do quinto punto dicindo que eses candidatos non tiñan xa posibilidades e que ser máis minucioso con eles alargaría o proceso e atrasaría a resolución

O director da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP), Julio Bravo, responsable da avaliación dos candidatos, explica como a criba dos aspirantes xa se produciu no primeiros catro apartados, realizada por unha comisión de expertos en cada área específica. Despois, as valoracións dos candidatos chegaron a un segundo comité,  a comisión multidisciplinar de Ciencias Básicas, no que se reuniron avaliadores, que tamén o foron na primeira fase, de física, matemáticas, química e ciencias da terra. Alí fixouse a puntuación do último apartado e outorgáronse puntuacións até un máximo de 20. Con todo, segundo conta Bravo, coas valoracións da primeira fase xa se sabía quen tiñan posibilidades de lograr un contrato e quen non. Entre os primeiros, afinouse no escrutinio para decidir quen eran por fin os elixidos, pero non se lle deu tanta relevancia á precisión na avaliación dos que xa estaban descartados.

Bravo xustifica a falta da meticulosidade e as posibles incoherencias na avaliación do quinto punto dicindo que eses candidatos non tiñan xa posibilidades e que ser máis minucioso con eles alargaría o proceso e atrasaría a resolución, un problema que a longo prazo pode facer desaparecer anos de axudas. Un avaliador da área de física, que mantén que “os que obtiveron os contratos son os mellores atendendo aos criterios da convocatoria”, recoñece que iso non xustifica que o mesmo dato se defenda con frases tan diversas e entende o malestar dos investigadores. O científico cre que estas incoherencias son froito do “experimento” que se realizou este ano ao reunir nunha última etapa disciplinas tan diversas que son moi difíciles de valorar con criterios homoxéneos.

“Moitos investigadores que aspiran a estes contratos danlles vinte voltas aos membros de tribunais nas universidades” e “non van realizar traballos que o que fan moitas veces é quitarlle a vocación aos investigadores”

Outro experto que coñece ben o proceso afirma que o verdadeiro drama é a escaseza de prazas para un programa que ofrece contratos a investigadores dun enorme nivel. Na súa opinión, “moitos investigadores que aspiran a estes contratos danlles vinte voltas aos membros de tribunais nas universidades” e “non van realizar traballos que o que fan moitas veces é quitarlle a vocación aos investigadores”, en referencia a outro tipo de bolsas. Bravo cre que “até o 50% dos investigadores que se presentan ao Ramón y Cajal poderían ter unha praza no CSIC, en universidades e dirixir proxectos”. Con todo, conclúe, “as circunstancias do país son as que son”.

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.