“Non se pode marcar a fronteira de que a tecnoloxía é cousa de cidade e a bioloxía é cousa do rural”

Obradoiro de vídeo de combate Dominio Público Asociación Sen un Peso

"Vedra está moi preto de Santiago e seguramente tería sido moito máis doado buscar un local en Compostela. Pero queremos demostrar tamén que en Galiza hai vida no rural, e que non é soamente sacho e arado, hai de todo e pódese facer de todo. Non se pode marcar esa fronteira de que a tecnoloxía é cousa de cidade e a bioloxía é cousa do rural”. Falamos con Xurxo Guitián, da asociación Sen un Peso, que organiza un ano máis o LAV (Laboratorio Audiovisual de Vedra), unha completa oferta formativa en audiovisual e multimedia, a prezos populares (50 euros por curso), que terá lugar os vindeiros 15 e 16 de febreiro, de xeito intensivo, en Vedra.

Hai 195 prazas dispoñibles, 15 para cada curso, combinando materias diversas relacionadas coa linguaxe audiovisual, e a comunicación a través de Internet. Documentais de natureza (con Max Carum), Vídeo de combate (con Roi Guitián e María Lobo), Vídeo con cámara réflex (con Rubén Prieto), Inventos para o audiovisual (con Pepe Penabade), Dirección de fotografía (con Paco Rocha), Interpretación diante da cámara (con Xabier Picallo), Bandas sonoras (con Marcos Paino), Animación dixital (con Leonardo Zuklev e Bibiana Álvarez), Documental web (con María Yáñez), Creación e xestión de webs con Wordpress (con Carlos Macías), e Linguaxes de marcado lixeiro: Wiki, Markdown (con Iñaki Quenerapú). Ademais, ofrécense dous cursos de balde para alumnado da ESO: Videoclips (con Miguel Cameselle) e Interpretación diante da cámara (con Manolo Cortés).

O LAV chega á súa sétima edición, convertido xa un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia. Por Vedra pasaron desde 2008 máis de 1.000 afeccionados e profesionais

O LAV chega á súa sétima edición, convertido xa un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia. Por Vedra pasaron desde 2008 máis de 1.000 afeccionados e profesionais, buscando iniciarse en determinadas materias, acceder á formación que noutros centros ou ámbitos tería un custe moi superior, e tamén descubrir novas ferramentas e técnicas para as que nese momento non había oferta formativa en Galicia: "noutras edicións achegouse xente con anos de experiencia como cámara, que se matriculou nun curso qie fixemos de Red One, porque daquela ese tipo de cursos só se daban en Madrid”, destaca Guitián. O perfil dos alumnos e alumnas é variado, polo tanto, dende afeccionados, estudantes de comunicación profesional até profesionais, “o perfil defíneno os obradoiros”, comenta, e lembra o interese que o pasado ano espertou, por exemplo, o curso de documental web, "un obradoiro moi innovador, que aproveita todas as posibilidades da web. Xa nos últimos meses viuse moito en Galicia este tema, e este ano que vén aínda se verá máis”.

En 2013 púxose en marcha, ademais, un programa de actividades paralelas denominado RevoLAV, co obxectivo de intercambiar materiais e coñecementos prácticos para o cambio social, a través dun mercado de troco e compra-venda e de charlas informativas.

O LAV é un exemplo de organización dende a base, feito con poucos medios e escasa dependencia da administración, como destacan dende a propia organización: "na Asociación Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos". Dende un concello pequeno e rural foi quen de poñer en marcha e darlle continuidade unha oferta formativa coa que moitas cidades non contan, establecendo sinerxias coa universidade, co Concello e o colexio da localidade: "os cursos teñen lugar na escola de Vedra, e alí os pais e nais ofrecen café e petiscos nos descansos, e ademais de darnos un servizo, a eles sérvelles para financiar a excursión de fin de cursos dos seus fillos e fillas”.

"Ao final trátase diso: de aprender, de divertirse e de non quedar parados”, destaca Guitián, “unha sociedade autoorganizada é unha sociedade que funciona”

"Ao final trátase diso: de aprender, de divertirse e de non quedar parados”, destaca Guitián, “unha sociedade autoorganizada é unha sociedade que funciona”, engade. E conclúe que "queremos demostrar tamén que en Galiza hai vida no rural, e que non é soamente sacho e arado, hai de todo e pódese facer de todo. Non se pode marcar esa fronteira de que a tecnoloxía é cousa de cidade e a bioloxía é cousa do rural”.

 

Obradoiro de documental web Dominio Público Asociación Sen un Peso
Cartaz da edición 2013 do LAV Dominio Público Asociación Sen un Peso
Outro dos cursos organizados no LAV Dominio Público Asociación Sen un Peso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.