“É unha situación crítica”. As medidas previstas polo Goberno no Real Decreto-Lei 14/2012 pon en vilo ás universidades. Os mecanismos propostos para a valoración da dedicación docente e investigadora, a regulación de varios aspectos que vulneran a autonomía dos centros e, sobre todo, a anunciada suba das taxas teñen en pé de guerra á comunidade universitaria. “É un intento de cambio de modelo, un intento de privatización das universidades para abrir a educación superior ao mercado privado”.
O prezo das taxas e a calidade do profesorado sempre foron mellores na universidade pública, "xusto as dúas cousas que agora o Goberno quere cambiar con este decreto"
Quen así fala é Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC e voceira da CIG para temas de Universidade. Na súa opinión, o intento do Goberno central non é outro que igualar os factores de competitividade da educación superior pública e privada para beneficiar así a esta última. “O que dificulta a extensión e proliferación da universidade privada sempre foi o elevado prezo das taxas e a menor calidade do profesorado; xusto o que agora o Executivo pretende cambiar co novo decreto”, explica. De feito, o plan de estabilidade que o Executivo central enviou a Bruxelas dio claramente. "Prevese unha redución do profesorado e do cadro de persoal, unha medida vinculada á suba das taxas, porque todo está relacionado", explica a portavoz da central nacionalista, que cre que o propósito final non é outro que "un menor acceso dos estudantes" á ensinanza superior.
A intención non é outra que lograr que a educación privada poida competir na oferta coa pública. Coa suba das taxas que impón o Goberno, e que pode supoñer un aumento de case o 70%, o importe a pagar polos estudantes “non será tan diferente entre unha universidade e outra”. O descenso no número de profesores busca o mesmo obxectivo, igualar as condicións coa privada, pero cunha consecuencia aínda peor. “Cada vez van ter máis dificultades para facer investigación porque terán unha función de profesorado de ensino medio, envorcado na docencia, pero con escaso transvase á investigación”, explica Nogueira, que advirte do problema de futuro que estas eivas suporán para a sociedade en xeral.
"Feijóo reducirá o orzamento das universidades e acabará abocándoas a subir as taxas"
En definitiva, e segundo Nogueira, o Executivo procura un desprestixio e empobrecemento da universidade pública para acabar favorecendo á privada e á inclusión do mundo empresarial na ensinanza superior. Ademais, e en canto á promesa de Feijóo de non subir as taxas universitarias, tal e como recomenda o Estado, Nogueira cre que o presidente da Xunta “acabará abocando as universidades a facelo”.
“Rajoy xa lle dixo a Bruxelas que ía limitar as transferencias á educación e a Xunta reducirá o seu orzamento para que as tres universidades elixan entre cobrar máis a cada alumno ou quedar nunha peor situación”. De feito, iso mesmo se deduciu das palabras do xefe do Executivo galego, cando recomendou aos tres reitores galegos a decidir se “poden seguir subsistindo sen necesidades de máis recursos”. Para a voceira da CIG, as palabras de Feijóo non foron máis que “unha promesa preelectoral a poucos meses das eleccións”.