A Domus da Coruña acollerá o vindeiro 7 de novembro a cuarta edición da OSHWDem, Feira de Tecnoloxía Aberta, organizada pola Asociación BricoLabs. A feira contará coa presenza de makers procedentes de diversas partes da península, que exporán e explicarán ao público asistente os seus proxectos Open Source e, nalgúns casos, darán mini charlas sobre as súas creacións.
Como é habitual, nesta feira poderanse ver as máis modernas impresoras 3D de fabricación propia, incluíndo impresoras pregables e unha impresora fabricada completamente con materiais reciclados. Tamén se presentará o Openrov, drone submarino de fabricación galega, ou un proxecto de creación dunha prótese funcional para un membro amputado, baseada en tecnoloxía aberta, entre outros enxeños robóticos e mecánicos. No marco desta feira, impartiranse ademais talleres gratuítos de fabricación de placas electrónicas, de robótica e de música electrónica.
Tamén haberá competicións de robótica: as xa habituais carreiras de robots segue liñas e batallas de sumo robot e, ademais, este ano incorpóranse dúas novas modalidades, coma o de robot resolve labirintos e batallas de robots. Os participantes virán de diversas partes da xeografía española para tentar saír vitoriosos destes desafíos. Como novidade, este ano organízase unha competición de robótica especialmente pensada para estudantes do segundo ciclo da ESO e de bacharelato, o xoves 5, competición que será puntuable para a LNRC (Liga Nacional de Robótica de Competición) na categoría de estudantes.
Na anterior edición a asistencia superou o milleiro de persoas. Este ano os organizadores esperan superar de novo esa cifra
Na anterior edición a asistencia superou o milleiro de persoas e este ano os organizadores esperan superar de novo esa cifra. A feira coincide ademais co día de portas abertas do museo Domus. A asistencia e participación é gratuíta e calquera persoa está convidada a asistir á feira e ao museo.
BricoLabs é unha asociación que reúne semanalmente a todos aqueles que queren colaborar no deseño, construción e probas de todo tipo de aparellos e gadgets, propostos polos propios participantes e ao estilo doutros HackerSpaces e FabLabs do mundo. Na feira colaboran ademais diversas asociacións, empresas e organismos oficiais, coma as tendas Cetronic, BricoGeek e GADIS, as asociacións Ghandalf e Apetega, a Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), a Xunta, o Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses.