Xunta e ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón) queren fumigar as plantacións de eucalipto contra o gorgullo cun pesticida nocivo para as abellas, o fluxfenuron, que acaba de ser excluído da lista de produtos fitosanitarios autorizados pola Comisión Europea (decisión da Comisión de 9 de febreiro de 2012) tras a avaliación dos seus riscos. O fluxfenuron é persistente, bioacumulable e tóxico, e deixará de comercializarse a partires do 1 de agosto de 2012. Porén, ADEGA denuncia que a Xunta e patronal pasteira pretenden dar saída aos stocks deste veleno con fumigacións masivas nos eucaliptais galegos antes de que se faga efectiva a prohibición.
Un dos primeiros ensaios quere facerse este mes no concello de Melide
A Asociación Forestal de Galicia envioulles unha mensaxe aos seus asociados, na que informa de que "equipos da Consellería colocarán nesta primavera 10.000 bolsas con ootecas do parasitoide Anaphes nitens nuns puntos previamente definidos baseados nas zonas de maior presenza do eucalipto e con afectación da praga do goniptero. Pola súa parte, ASPAPEL, a través de empresas especializadas, ofrece aos propietarios forestais a realización dun tratamento químico co produto Cascade da casa BASF (flufenoxuron 10% p/v. DC)". Un dos primeiros ensaios quere facerse este mes no concello de Melide. O concello fixo público un bando pedindo que os propietarios interesados se apunten ao tratamento que se realizará "de xeito totalmente gratuíto".
O Sindicato Labrego Galego alerta de que as fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas "non só afectarán os insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas
ADEGA rexeita "a utilización masiva e sistemática de produtos químicos para combater as pragas pola súa inefectividade demostrada e perniciosos efectos colaterais sobre outros organismos (incluidas as persoas) e o ambiente" e defende que o control das pragas debería basearse na prevención, con actuacións localizadas e facendo uso de tratamentos baseados no control biolóxico, que xeralmente son específicos da praga a tratar e non afectan ao resto das especies do ecosistema". De igual xeito, o Sindicato Labrego Galego alerta de que as fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas "non só afectarán os insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas; amais de envelenar ás especies vexetais e animais que estean na contorna, e mesmo ás persoas que vivan nos núcleos habitados das inmediacións"
As abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como vector polinizador de moitas especies de plantas, entre elas moitas das que se alimenta o ser humano
Ademais doutras consideracións morais e do seu papel como produtoras de mel e outros derivados da colmea, hai que ter en conta que as abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como vector polinizador de moitas especies de plantas, entre elas moitas das que se alimenta o ser humano. Segundo a Asociación Galega de Apicultura o 80% das plantas con flores e o 84% das plantas cultivadas son polinizadas polas abellas, e o 76% da nosa alimentación depende da presenza das abellas nos nosos campos.
Vén de poñerse en marcha unha iniciativa en Actuable para presionar a ASPAPEL para que deteña os plans de fumigación