En dúas semanas a Universidade de Santiago celebrará eleccións para escoller novo reitor. Dous candidatos, Juan Viaño e Antonio López, para un momento difícil para a universidade: recortes, taxa de reposición, débeda excesiva e financiamento insuficiente. Viaño sitúa entre as súas prioridades a renegociación coa Xunta dos criterios de financiamento da universidade, para acadar un reparto no que a USC saia mellor parada; tamén a internacionalización, tanto na busca de alumando no exterior como na procura de recursos económicos; e tamén solucionar o actual "desaxuste" de persoal, coas actuais dificultades para a creación e consolidación de prazas.
"Debemos mudar esta situación, fomentar a transmisión de coñecemento, destaca. Porque se esta situación de falta de expectativas se mantén, vaise parar a cadea, e isto non é o mesmo que para unha cadea de produción industrial, é algo moito máis difícil de recuperar" -sinala- "A sociedade debe tomar conciencia de que a universidade é un motor de progreso, un motor de desenvolvemento social que ten que coidar. A sociedade ten que tomar conciencia de que debe investir na formación da súa xuventude". Juan Viaño mantén unha intensa actividade de encontros e debates, e tamén a través da súa web, na que pon a disposición da comunidade universitaria un espazo para o envío de propostas no que, destaca, en poucos días se superou o cento de achegas.
Escribía no seu blog hai uns días que estaba aprendendo moito con esta nova experiencia. É así? Cambiou algo a súa visión da universidade?
Agora mesmo estamos nunha etapa de contactos, de falar con moitas persoas para coñecer os problemas e necesidades concretas de cada departamento da universidade, ademais do que xa eu coñecía pola miña experiencia como representante do PDI no Claustro e a miña experiencia no Consello de Goberno. Aínda que xa tiña un gran contacto coa realidade universitaria, si que é certo que estou aprendendo cada día, porque esta parte é moi nova. Para ser reitor hai que ter un proxecto, un programa e un equipo que convenzan. Eu tiña unha grande experiencia, tiña un coñecemento amplo. Pero é certo que o normal é que coñezas sobre todo o ámbito máis próximo, da túa facultade, do teu departamento. E estes días estou coñecendo moitas cousas máis alá da miña área, estou coñecendo a realidade nas áreas de ciencias sociais e humanidades, na área de ciencias da saúde, no campus de Lugo.
"A sociedade debe tomar conciencia de que a universidade é un motor de progreso, un motor de desenvolvemento social que ten que coidar"
Acabamos de ver a pasada semana como as eleccións na Universidade de Vigo rexistraron unha participación moi baixa. Que se pode facer para incrementar a participación da comunidade universitaria, a súa implicación coa institución?
Vivimos un momento complexo na sociedade e na universidade, e estase a producir unha certa desconexión entre os cidadáns e a universidade. As causas son múltiples: os sucesivos recortes, os atrancos nas convocatorias de prazas e de investigación, as dificultades de promoción de diferentes colectivos, as condicións de traballo máis pesadas, a falta de perspectivas... Tamén se produce unha caída do prestixio da universidade, unha caída nos rankings de calidade. Para corrixir isto, hai que facer cambios dende a base e fomentar a transmisión de coñecemento. Porque se esta situación de falta de expectativas se mantén, vaise parar a cadea, e parar a cadea da transmisión de coñecemento non é o mesmo que para unha cadea de produción industrial, é algo moito máis difícil de recuperar. Se se mantén a crise e os recortes, vai ser difícil recuperar a institución. A sociedade debe tomar conciencia de que a universidade é un motor de progreso, un motor de desenvolvemento social que ten que coidar. Aquí é onde queremos que estuden os nosos fillos, onde queremos que saian mellores médicos e mellores enxeñeiros. Temos que coidalo todos e é responsabilidade de todos. A sociedade ten que tomar conciencia de que debe investir na formación da súa xuventude.
"É necesario crear unha vicerreitoría de internacionalización que coordine e potencie todas estas posibilidades de captación de alumnos e de internacionalización de proxectos"
O financiamento semella ser a cuestión máis importante nesta campaña, o problema máis urxente da universidade. Que se pode facer?
Eu creo nunha universidade pública, financiada cos cartos de todos, e que polo tanto sexa unha universidade para todos. Unha universidade que sexa docente e investigadora, que teña unha vocación internacional e galega. Creo que o financiamento público debe ser a parte fundamental. Pero non hai que limitarse ao financiamento público. Como xestores non debemos limitarnos a executar o orzamento, temos que ser proactivos e promover actividades que poidan achegar recursos: formación continua, formación online, docencia para grupos diversos da sociedade que poden actualizar formación, fomentar a investigación e acceder ás convocatorias estatais ou europeas que poidan xerar recursos, participar en proxectos colaborativos con institucións. Temos que petar en todas as portas posibles. E, por suposto, debemos renegociar o mecanismo de financiamento da universidade e debemos facelo xa este ano. Debemos facer valer as características e as peculiaridades da Universidade de Santiago, que en moitos aspectos ten un tamaño relativo moi grande, polo número de profesores, polo número de profesores doutores ou por posuír un patrimonio histórico que é custoso conservar.
A USC aproveita como debería todo o seu potencial investigador?
Efectivamente, somos referentes e punteiros en moitas áreas de investigación, e temos que aproveitalo para captar máis recursos. Como dicía antes, temos que facer valer ese tamaño relativo. É necesario crear unha vicerreitoría de internacionalización que coordine e potencie todas estas posibilidades de captación de alumnos e de internacionalización de proxectos.
"Temos que pelexar para cambiar a taxa de reposición canto antes, para que a reposición non afecte á promoción do persoal"
E como se solucionan os desequilibrios dos cadros de persoal e a dificultade para crear nova prazas?
Os recortes están afectando moito. E a universidade ten un compromiso adquirido con traballadores que están en situación precaria, tanto investigadores, como profesores contratados-doutores, que teñen contratos temporais e que neste momento, pola taxa de reposición e por outros factores, hai poucas vías para estabilizalos, para captar novos investigadores, para continuar coas promocións ou para crear prazas de catedráticos. Temos que pelexar para cambiar a taxa de reposición canto antes, para que a reposición non afecte á promoción do persoal.