O 30% das aplicacións para móbiles non din que fan cos nosos datos

Un usuario manexa o seu móbil © Mallandroid

As aplicacións para móbiles son cada vez máis populares e máis numerosas pero tan só o 15% das que nos instalamos ofrecen información clara ao usuario sobre como van ser recompilados, utilizados e divulgados os seus datos. É un dos indicadores que se desprende dun estudo realizado pola Rede Global da Privacidade (GPEN) en colaboración coa Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

A análise -na que tamén participaron, entre outras, as Autoridades de Protección de Datos de Alemaña, Canadá, Francia, Italia ou Reino Unido- examinou máis de 1.200 aplicacións móbiles, incluíndo apps de dispositivos Apple e Android, tanto gratuítas como de pago.

Segundo o informe, o 31% das aplicacións solicita ao usuario excesivos permisos en comparación coa función que desempeñan. Moitas apps, ademais, ofrecen escasa información de por que recompilan información persoal e para que a utilizan, remiten a outras páxinas web con políticas de protección de datos que non se adaptan á aplicación en cuestión ou levan a páxinas nas que se solicita que o usuario inicie unha sesión.

O 31% das aplicacións solicita ao usuario excesivos permisos en comparación coa función que desempeñan

Neste sentido, até no 59% dos casos estudados non lles resultou fácil aos participantes atopar as informacións relativas á privacidade antes de proceder á instalación. "É unha análise dun fenómeno que está xeralizado en todo o mundo. É unha radiografía, unha foto fixa, para concienciar non só aos usuarios de que deben saber a que lle están dando permiso, senón aos desenvolvedores tamén", afirman desde a AEPD. "Canto máis claros sexan nas súas políticas de tratamento de datos, máis fiables serán para o usuario".

Onde está vostede e a quen coñece

No proceso de instalación dunha aplicación nun dispositivo móbil son habituais a petición de permisos pero, como sinala o informe, algúns deles son desmesurados en relación coa utilidade que ofrecen. Até tres cuartas partes das apps examinadas solicitan un ou máis permisos ao usuario. Os máis comúns son a localización, a identificación do dispositivo e o acceso a outras contas, á cámara e aos contactos.

Estas fontes de datos poden ser obxecto dun tratamento adicional, normalmente para xerar ingresos, de forma descoñecida ou non desexada polo usuario final.

Que fan con eses datos? Segundo o estudo, o 31% ofrece "certa información" respecto diso, a 24% información "inadecuada" e o 30% restante non ofrece ningún dato máis aló dos permisos que se solicitan ao instalar a aplicación. Para o GPEN e a AEPD, esas mesmas fontes de datos poden ser obxecto dun tratamento adicional, normalmente para xerar ingresos, de forma descoñecida ou non desexada polo usuario final.

Por iso, as aplicacións orientadas aos móbiles de última xeración e destinadas principalmente ao campo do lecer están no punto de mira da Axencia Española de Protección de Datos, quen xa realizou un ditame o ano pasado advertindo dos riscos para a vida privada dos usuarios de dispositivos intelixentes se os desenvolvedores non cumpren coa lexislación sobre protección de datos da Unión Europea.

As tendas de aplicacións reciben máis de 1.600 apps novas cada día, e de media, un usuario dun smartphone descárgase 37. Con todo, do estudo extráese que as aplicacións máis populares son as mellor valoradas en canto a xestión e información relativa dos datos persoais.

Un usuario manexa o seu móbil © Mallandroid

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.