O 65% dos satélites do Estado serán galegos en 2020

Salustiano Mato, coa maqueta dun dos satélites © Uvigo

O pasado venres presentouse en Vigo unha Unidade Mixta de Investigación, formada polo Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE) da Universidade de Vigo e a empresa Aistech Space S.L. A entidade, que conta cunha axuda de 700.000 euros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), levará a cabo o deseño, fabricación, lanzamento e operación dunha rede de 25 nanosatélites co obxectivo de obter datos de posicionamento de buques e avións, xunto con fotografías térmicas da superficie terrestre e recompilar datos de redes de sensores distribuídas polo planeta. 

Sectores como o pesqueiro, o agrícola e o agroforestal poden ser algúns dos máis beneficiados polo despregue da constelación, que proverá servizos como o seguimento de agricultura de precisión, verteduras no mar ou control de incendios, combinando medidas ambientais cun novo concepto de imaxes. Mentres Aistech se centra nas tarefas de integración das cargas útiles, Cinae actúa como socio tecnolóxico de nivel de misión e de plataforma, achegando a experiencia dos seus investigadores para crear a constelación de nanosatélites. O custo total do proxecto, que se completará en 2022, ascende a 2,3 millóns de euros, dos que Aistech Space sufraga a diferenza entre esta cantidade e o financiamento outorgado pola GAIN con fondos Feder.

Na presentación da unidade mixta, Fernando Aguado (director técnico e investigador principal de Cinae para este proxecto) lembrou o traballo desenvolvido na Universidade de Vigo e en Cinae que a día de hoxe suman o 42% dos satélites desenvolvidos e lanzados en España, ao tempo que avanzou que “no período 2019-2020 se lanzarán desde Galicia catro satélites adicionais, co que Cinae terá deseñado e lanzado o 65% dos satélites fabricados en España ata esa data. É un feito tremendamente significativo”, explicou o investigador, que afirmou en ton que broma que “sumados os 200 satélites que imos facer con Aistech xa será o 98%... Podemos dicir que desde a Universidade de Vigo, desde Galicia, Cinae, somos pioneiros”. Os cubesats de 6U que se están a deseñar neste proxecto teñen unhas dimensións de 30x10x10 centímetros e un peso duns 10 quilogramos, podendo realizar entre 14 e 15 órbitas ao día, o que implica unha cobertura total.

S. Mato: “O futuro está ligado ao coñecemento, polo que cómpre cambiar o chip do ladrillo, porque a competitividade vén da man do coñecemento”

Tras agradecer a confianza de Aistech en Cinae, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, puxo o acento na súa intervención en que “o futuro está ligado ao coñecemento, polo que cómpre cambiar o chip do ladrillo, porque a competitividade vén da man do coñecemento”. Pola súa banda, Patricia Argerey (directora da Axencia Galega de Innovación) recordou que Cinae é a única unidade mixta centrada no sector aeroespacial co obxectivo de “situar a Galicia na vangarda do sector e transformar a economía de Galicia en economía do coñecemento”.

 

Foto de familia dos e das participantes na presentación da Unidade Mixta de Investigación © Uvigo
Detalle dun dos satélites © Uvigo
Público asistente á presentación © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.