O 'Apalabrados' en galego completouse en pouco máis dun mes

Apalabrados © Etermax

Afeitos como estamos a que algúns proxectos ou demandas tarden moitos meses ou anos en resolverse, chama a atención a rapidez coa que se se completou o proceso para completar a versión en lingua galega do Apalabrados, que este mesmo venres podería estar xa dispoñible. Os responsables: o interese da empresa arxentina Etermax en contar cunha versión galega do xogo, o traballo de Cilenis -unha start-up dedicada ao desenvolvemento de produtos e solucións nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística-, e o papel de Marcus Fernández (Código Cero), que exerceu de enlace.

Os responsables da rapidez: o interese da empresa arxentina Etermax en contar cunha versión galega do xogo, o traballo de Cilenis e o papel de Marcus Fernández

Na pasada Lacon Network, que se celebrou o pasado 1 de febreiro, Marcus Fernández comentoulles aos responsables de Cilenis que Etermax -a empresa arxentina responsable de Apalabrados- estaba interesada en ter unha versión en galego do xogo e que así llo comentaran nunha entrevista no programa Banda Ancha da Radio Galega. Mesmo iniciaran contactos coa Real Academia Galega para facelo, aínda que ese intento non tivera éxito.

Isaac González, de Cilenis, explica que “para nós non supoñía un gran desenvolvemento e estabamos dispostos a traballar niso. Puxémonos en contacto cos empresa para que nos dixesen que necesitaban. E en non moito tempo xa lle mandamos unha primeira versión do dicionario”. Cilenis traballou a partir do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), engadíndolle todas as formas -singular, plural, masculino e feminino- de todos os termos e tamén todas as formas conxugadas dos verbos.

w, j, y e k foron eliminados ao só estar presentes en estranxeirismos, para deste xeito mellorar a xogabilidade

Outra parte do traballo consistiu en asignarlles un valor ás letras en función da súa frecuencia de aparición na lingua galega. Etermax mandaron unha primeira proposta en base ao dicionario que Cinelis lles remitira e posteriormente Cilenis desenvolveu unha contraproposta en función de criterios científicos. Ademais, w, j, y e k foron eliminados ao só estar presentes en estranxeirismos, para deste xeito mellorar a xogabilidade. A partir deste venres descubriremos o resto dos detalles.

 

Os proxectos de Cilenis

Nestes momentos a empresa traballa en Avalingua, "un dos nosos proxectos estrela, pois fai algo que ninguén está facendo: tentar avaliar a calidade da lingua de xeito automático"

Cilenis traballa, explica Isaac González, en dúas liñas: "unha máis visible, que seria esta do Apalabrados ou o conxugador para móbiles, e outra menos visible e a máis longo prazo". Nestes momentos a empresa traballa en Avalingua, "un dos nosos proxectos estrela, pois fai algo que ninguén está facendo: tentar avaliar a calidade da lingua de xeito automático". Isaac González conta que con este programa "o ordenador pode dicir: este texto está un 70% ben escrito porque se atoparon estes erros ortográficos e estes erros gramaticais. Isto abre a porta a que se fagan avaliacións masivas da corrección dun texto. Temos un prototipo para o galego e estamos traballando nun prototipo para o español. Aplicado aos traballos dun conxunto de alumnos podemos saber o seu nivel global e a súa evolución!.

Outro proxecto é máis complexo pero resume a razón de ser da empresa: tentar crear unha plataforma que conteña os módulos lingüísticos -as aplicacións de software- que se foron desenvolvendo durante anos no grupo de investigación da USC do que parte Cilenis: "Imos crear unha api pública ou unha plataforma para que iso se poida integrar noutras aplicacións de maneira sinxela".

Apalabrados © Etermax

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.