A pasada fin de semana, A Coruña viviu as dúas últimas xornadas da Trasnada, o punto de encontro onde tradutores ao galego de software libre se reuniron nunha “sesión de traballo” co obxectivo de afondar nos acordos e “planificar o futuro na procura de traducións de calidade”.
Foi un evento máis dunha comunidade aberta de voluntarios que traduce software libre á nosa lingua propia. Unidos baixo o paraugas do proxecto Trasno, todos eles volveron demostrar máis o seu compromiso cunha filosofía e cun idioma, o galego, que é a base dun traballo exemplar e, se cadra, pouco recoñecido.
As xornadas, celebradas no centro Ágora coruñés, axudaron tamén a dar a coñecer unha iniciativa que ten os seus inicios aló polo 1999. Naquel ano, dous grupos de rapaces formados principalmente por estudantes de informática e implicados no desenvolvemento do software libre, comezaron a involucrarse en asociacións. Acabaron unindo esforzos e decidiron formar un espaza na rede, a través de listas de correos, un proxecto ao que chamaron Trasno (Tradutores Sen Nome).
O proxecto Trasno naceu hai máis de dez anos, coa unión de esforzos de dous grupos implicados no software libre e no galego
“Era xente voluntaria, interesada na programación e na lingua galega; naceu como un foro aberto para poñer software libre no galego e foi asentándose”, explica Miguel Branco, presidente da Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre, a entidade legal que constituíron hai tres anos “para que todo o voluntariado de tradución estivese protexido”.
Foise convertendo no referente na tradución do software libre ao galego ao "abranguer os responsables dos principais proxectos"
Porque desde aquel 1999, o proxecto foise consolidando e compartindo espazo con iniciativas semellantes até se converter “agora mesmo, no referente na tradución do software libre ao galego” un éxito ao que axudou o feito de que abranga “os responsables dos principais proxectos” realizados no país. Falamos de aplicativos de uso xeral como Ubuntu, openSUSE, OpenOffice, ROX-FIler, Firefox e outros produtos da Fundación Mozilla; contornos de escritorio (Gnome, KDE, LXDE ou Xfce); ou unha chea de iniciativas máis, entre as que se inclúen varios xogos.
Porque é principalmente grazas a este traballo altruísta de voluntarios polo que o galego está presente nunha morea de aplicacións empregadas por milleiros de persoas que, doutro xeito, terían ben difícil traballar na súa lingua. “Grazas ao software libre e á colaboración a través dun foro aberto asegurámonos de que o usuario dispoña da liberdade para ter o seus aplicativos accesibles sempre e tamén de que os poida ter na nosa lingua”.
Actualmente, suman unhas 20-22 persoas traballando nas traducións de forma totalmente voluntaria, “pura e dura”. “A tradución directa nin está nin nunca estará subvencionada”, reivindica Branco, que aclar,a no entanto, que o feito de constituír a asociación permitiulles acceder a axudas públicas ou financiamento para facer algún proxecto ou organizar algunha xornada, pero nunca para o financiamento directo da tradución.
De feito, o proxecto Trasno propón unha especie de modelo mixto. Non renega, nin moito menos, do apoio institucional que debe ter os traballos arredor do software libre, pero insisten en reclamar que non se perda o voluntariado. E explícano: “O sistema máis desexable é un espazo de colaboración gubernamental, empresarial e de voluntariado; convivindo entre eles, porque é a forma de asegurar que se mantén o traballo ante o fallo de calquera dos apoios previstos”.
A asociación aposta por un modelo mixto: apoio institucional e fomento do voluntariado
“A nosa filosofía e a nosa idea é que a nosa iniciativa perviva, goberne quen goberne”, explica Miguel Branco, que ve un risco no caso de que a Xunta decida apostar forte pola tradución ao software libre. “Nese caso, poden introducirse empresas que fagan este traballo e o voluntariado decida marchar; nese caso, e cando as compañías decidan parar, moitos dos proxectos quedarían sen tradución e teriamos que volver empezar todo”, asegura. Por iso, cre que debe haber unha involucración e investimento por parte das administracións, pero “sempre que se manteña o voluntariado”. “Iso é determinante”, insiste. “Valoraríamos que houbese funcionariado dedicado a iso, pero tamén vemos positivo que fomenten que haxa xente que o siga facendo, que non perdamos esta dinámica de esforzo”, relata.
No proxecto Trasno recoñecen a implicación do Goberno bipartito, ao crear o proxecto Mancomún, así como da Xunta do PP, que semella involucrarse cada vez máis no fomento do software libre. Pero non é suficiente. “Nas Universidades séguese instalando Windows, ao igual que no Sergas”, pon como exemplo para explicar non só a perda económica, senón o que pode supoñer para o galego.
"Co software privativo, as empresas teñen a última palabra e poden decidir apostar polo galego ou non"
“O software privativo (por exemplo, Microsoft, Apple e os seus prodctos) supón que as empresas que os xestionan son as últimas en decidir se o poñen en galego ou non, por moito que exista esa vontade nos gobernos”, aclara Miguel Branco, que engade: “Windows ten as súas licenzas e ten que aprobar a tradución ao galego ou lograr que a Xunta a financie; para eles, a nosa lingua non é tan relevante e non a van promocionar”. “Sabemos que se non é a través do software libre, a tradución ao noso idioma propio e o contar con programas na nosa lingua sempre vai ter atrancos”, insiste.
“As interfaces máis usadas de Linux tradúcense a idiomas con tan só 10.000 falantes, a linguas extintas ou ao esperanto... Se existe vontade e hai voluntarios, todo se pode facer”, volve explicar, tras advertir que “sempre que hai que facer xestións cunha empresa, esta vaise basear no seu modelo de negocio, que dificilmente verá rendible promocionar unha lingua que compite cunha tan grande como a española”.
En Catalunya, no entanto, as cousas son diferentes. O apoio ao catalán e o seu fomento é total, incluso polas grandes multinacionais. “O catalán ten outro tipo de dinámica social, son 9 millóns de falantes nunha zona económica e industrial relevante con alto poder adquisitivo. É parecido ao danés ou ao holandés, as empresas veno así. Ademais, a Generalitat leva anos implantando a súa lingua nas aplicacións. É outra dinámica social, de máis usuarios, con empresas que teñen implantación e apoio gubernamental”, resume Branco, que explica que Mac “só está dispoñible en 16 idiomas” e que no Twitter as reivindicacións polo galego seguen. “Co software libre, calquera que queira traducir ten a posibilidade de facelo e de poñer as cousas na súa lingua”, remata reivindicando. “Sexa cal sexa!”.