O bulo dos 28 millóns de parellas separadas por WhatsApp

Referencias á nova en Google News CC-BY-SA Praza Pública

Ao longo da última semana lerías ou escoitarías en medios de fala hispana que WhatsApp non só revolucionou a forma de comunicarse senón que tamén é a aplicación culpable de romper 28 millóns de parellas en todo o mundo. Foi unha das noticias máis lidas e viralizadas en Internet.

En Google News atópanse máis de 130 referencias de diferentes medios de comunicación en español. En España, apareceu en medios impresos e dixitais. Tamén ocupou espazo en programas de radio e televisión. Pero é mentira.

Como xurdiu o bulo?

A finais de 2010, a rede social Facebook superaba os 600 millóns de usuarios rexistrados, e diferentes medios de comunicación de todo o mundo publicaron algunhas cifras e curiosidades como nota de cor ou apoiadas con infografías. Entre outros datos, citábase que concretamente 28.460.516 de usuarios de Facebook cambiaran o seu estado civil a "nunha relación". Con todo, un erro na edición da noticia no medio dixital español Tuexperto.com transformou ese dato no titular "28 millóns de usuarios pasaron de ter parella a ser solteiros en Facebook".

Moitos medios copiaron e pegaron a noticia

Esta nova noticia converteuse na fonte para decenas doutras noticias sobre o tema. A partir dese momento, viralizou entre medios hispanos, que copiaron e pegaron sen comprobar, argumentando que Facebook era o causante de 28 millóns de rupturas. Neses días, o diario colombiano El Espectador incorpora un dato adicional: un estudo da revista científica "CyberPsychology and behaviour Journal" onde se afirma que "o 95% dos usuarios de Facebook buscaron nalgún momento a súa  ex parella a través da rede social". É unha noticia sobre Facebook que nesas mesmas datas tamén acaparou algúns titulares.

O artigo co engadido do estudo é citado e copiado por outros medios, como Infobae ou La Gaceta de Arxentina. Con todo, algúns medios como El Comercio de Perú e Trecebits cometen outro erro: dan por suposto que o dato dos 28 millóns de rupturas en Facebook forma parte do estudo de "CyberPsychology and behaviour Journal". O contido do artigo con esta falsa afirmación volveu ser copiado ou citado por outros medios como La Tercera de Chile ou El País de Colombia, que serviron para expandir e viralizar o seu contido ata que desapareceu de internet despois dun tempo.

Case tres anos despois, o pasado 6 de outubro de 2013, TreceBits volve rescatar os 28 millóns de rupturas do falso estudo, pero engadindo un novo dato falso adicional: agora no suposto estudo non só investigaron a Facebook, senón que tamén tiveron en conta a WhatsApp. Desta forma, titulan que hai "28 millóns de parellas rotas por culpa de WhatsApp".

O novo artigo aglutina todos os erros concatenados

O contido deste novo artigo, que aglutina todos os erros concatenados, é copiado ou citado de novo por diferentes medios hispanos. Entre eles, pola edición web de CNN en Chile. Grazas á aparición neste medio, outros medios hispanos citan como fonte da información a CNN, sen especificar na maioría das ocasións que se trata dun artigo da versión chilena da cadea de televisión norteamericana.

En España, a copia da noticia sen contrastar mesmo aparece asinada en medios como Cadena Ser ou El Correo e foi distribuída por axencias de noticias como Europa Press tanto na súa edición latinoamericana como a través da súa canle de noticias de tecnoloxía, o que permitiu que os medios que até ese momento non se fixeron eco da noticia publíquena. Entre outros, destacan La Razón, La Vanguardia e 20 minutos en España.

Existe a revista científica?

Algúns medios citaron á revista científica como "CyberPsychology and behaviour Journal" ou na súa tradución ao español. En realidade, a revista chámase "Cyberpsychology, Behavior, and Social Networking" aínda que existe unha similar denominada Cyberpsychology. A similitude de nomes e a tradución en diferentes momentos ao español tamén causaron confusión nalgúns medios á hora de citar e enlazar a suposta fonte do estudo, como é o caso do diario español ABC ou a páxina web da canle de televisión Antena 3.

A editora de "Cyberpsychology, Behavior, and Social Networking" afirma que non recibiu chamadas de teléfono ou mensaxes de correo electrónico de xornalistas ou medios españois interesándose polo suposto estudo. Ademais, unha simple procura na súa base de datos de publicacións permite que calquera usuario coñeza rapidamente outro dato de importancia: até o momento non publicaron ningún artigo científico sobre WhatsApp.

Como chegamos até aquí?

Á hora de publicar esta noticia, ninguén fixo o traballo de verificación da información. O que permitiu que, a medida que os datos saltaban dun medio a outros, se fosen engadindo datos erróneos ou imprecisións na información; algo similar ao que ocorre no xogo infantil do teléfono roto.

"As informacións falsas son virus e deixan en vergoña ao sistema xornalístico"

Neste caso tamén se deron tres dos principais ingredientes para expandir unha noticia falsa: unha empresa que sempre atrae visitas como WhatsApp, citar como fonte un estudo dunha revista científica para dotala de credibilidade xunto cunha cabeceira informativa tradicional que engade transcendencia á información.

Segundo Delia Rodríguez, autora do libro Memecracia, "o caso pode ser un bo exemplo de como se fabrica e difunde a información hoxe en día. As informacións falsas son virus que deixan en vergoña ao sistema xornalístico; se alguén non fixo ben o seu traballo nun punto da cadea e a noticia faise viral, o erro esténdese de forma exponencial. Canto máis atractivo é o tema [e este o é, hai unha cifra rechamante, un tema que afecta a todo o mundo, como as relacións interpersoais, e unha aplicación de moda como Whatsapp], máis ganas hai de propagalo e antes desactívanse os filtros clásicos do xornalismo. A culpa tamén é do lector: canta máis xente o le, máis sobe no máis visto dos medios; outros medios e blogs interpretan que "hai que dalo", e máis difícil é desfacer a bóla".

Referencias á nova en Google News CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.