O cambio lingüístico é máis rápido nas zonas rurais que nas urbanas, segundo un estudo da USC

Os investigadores defenden que a complexidade urbana pode manter a diversidade fronte á globalización © Nature

Os espazos urbanos galegos preservan mellor que os rurais o equilibrio no número de falantes de dúas linguas. Así o defende unha investigación publicada por tres físicos da USC e outro da Universitat Pompeu Fabra na revista Nature Communications, titulada Urbanity and the dynamics of language shift in Galicia. O estudo sinala que a evolución do número de falantes de dúas linguas cambia máis lentamente se conviven nun entorno urbano que se o contacto se produce nun espazo rural. 

“En Vigo e A Coruña, as dúas maiores cidades galegas, a velocidade dese cambio prodúcese máis lentamente que en zonas rurais de, por exemplo, Ourense ou Lugo”, afirman

A investigación está asinada Mariamo Mussa e Alberto Pérez Muñuzuri, da área de Física da Materia Condensada e da agrupación estratéxica CRETUS da USC; Luís F. Seoane, da Universitat Pompeu Fabra e do IFISC-CSIC de Mallorca; e Jorge Mira, do departamento de Física Aplicada e da agrupación AeMAT da USC. 

Os catro investigadores dividiron Galicia en vinte áreas xeográficas e compararon como é a velocidade de variación do uso de galego e castelán en función do grao de urbanización de cada zona xeográfica. A partir dunha serie de ecuacións, o equipo retrata a evolución do número de falantes de galego, castelán así como daquelas persoas bilingües. 

“En Vigo e A Coruña, as dúas maiores cidades galegas, a velocidade dese cambio prodúcese máis lentamente que en zonas rurais de, por exemplo, Ourense ou Lugo”, din. Na súa opinión, esta evidencia experimental “amosa que o efecto globalizador do entorno urbano, lonxe de inducir unha hipotética e teórica homoxeneización, pode ter o efecto contrario”.

Imaxe dos catro físicos que asinan o estudo © USC

"Se os principais nodos de poboación estivesen máis conectados coa súa contorna, a rapidez do cambio lingüístico do rural ralentizaríase”, din

Así mesmo, o estudo identifica a existencia dun mecanismo importante á hora de producir efectos sobre os usos lingüísticos, centrado nas relacións entre as diferentes zonas do territorio e sinala que “as diferentes zonas de Galicia están bastante desconectadas unhas das outras”. 

Finalmente, os nvestigadores propoñen estratexias orientadas a desacelerar as dinámicas lingüísticas, como por exemplo “aumentar a influencia dos nodos rurais nos urbanos". "Se os principais nodos de poboación estivesen máis conectados coa súa contorna, a rapidez do cambio lingüístico do rural ralentizaríase”, aseguran.

É a primeira vez dende 1903 que a palabra Galicia aparece nun título dun estudo publicado en Nature, salientan

O equipo de investigación tamén salienta, como curiosidade, que esta é a primeira vez dende 1903 que a palabra ‘Galicia’ aparece no título dun artigo de investigación das revistas Nature ou Nature Communications. Na anterior ocasión que o fixera, fora nun traballo de observación de terremotos nesta comunidade. Polo que respecta á revista Science e á súa cabeceira en acceso aberto Science Advances, a denominación ‘Galicia’ figura nunha ocasión, en 1884, nunha descrición xeolóxica de Asturias e Galicia, destacan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.