O CESGA celebra o seu 20 aniversario multiplicando por dez a capacidade do seu supercomputador

Instalacións do CESGA en Compostela © Cesga

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) está de aniversario. 20 anos dunha actividade descoñecida para moitos, pero fundamental para moitos proxectos e ámbitos (sobre todo relacionados co I+D+i), dúas décadas que se conmemorarán este luns nun acto, a partir das 19.30 no Centro de Novas Tecnolóxicas de Galicia, no que participarán o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo, así como representantes do sector da investigación en Galicia e das empresas de novas tecnoloxías. Na actualidade, os servizos do CESGA son utilizados a diario por 500 investigadores e ao redor de 90 mil cidadáns empregan a súa rede.

Este evento pechará un ano de actos, e ademais servirá para mirar cara ao futuro, despois de que se anunciara que o supercomputador Finisterrae, cerne de boa parte da actividade do CESGA, será actualizado a través dun plan da Xunta, multiplicando por dez a súa capacidade de cálculo. En 2008 chegou a ser o ordenador de maior memoria compartida de Europa, pero cinco anos son moitos anos no que respecta á supercomputación e as necesidades xeradas por determinadas investigacións e actividades. A pesar de realizar 33 billóns de operacións por segundo, o Finisterrae ficou obsoleto.

Foi inaugurado en xaneiro de 2008 polo daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana (que o definiu coma "o Fórmula 1 da supercomputación"), cun investimento de 19 millóns de euros, ocupando 140 metros cadrados, pesando 33 toneladas e xa daquela cunha memoria compartida de 19.000 xigabytes. Dende entón deu servizo a máis de 1.000 grupos de investigación de todo o mundo, e segundo os responsables do CESGA grazas ao Finisterrae "o centro converteuse nun referente mundial nos eidos do cálculo científico e técnico, fomentando desde Galicia as relacións con numerosos grupos de investigación de ámbito internacional”. Engaden que “resultou imprescindible para a posta en marcha e desenvolvemento de múltiples proxectos de investigación de grande envergadura, dificilmente abordables con outras tecnoloxías”. 

“Resultou imprescindible para a posta en marcha e desenvolvemento de múltiples proxectos de investigación de grande envergadura, dificilmente abordables con outras tecnoloxías”

A renovación das capacidades do Finisterrae inscríbese nun proceso continuado de crecemento e actualización, pola que dende o VP2400 inaugurado en 1993, a capacidade de cálculo do CESGA nestes vinte anos se multiplicou por trece mil, a de almacenamento de datos por 180.000 e a de memoria por 19.000. Ao longo dos últimos meses polo CESGA pasaron altos representantes de empresas como HP, Intel ou Fujitsu, para participar nas conmemoracións do aniversario. 

Nunha recente entrevista publicada por GCiencia, Javier García Tobío, director do CESGA, destacaba que o centro "está recoñecido polo Goberno español como instalación científico-tecnolóxica singular, o que quere dicir que en España non hai outro centro coas peculiaridades tecnolóxicas que temos en Galicia". Tobío salientaba, entre outros, o servizo que lle presta a Meteogalicia, ou a axuda imprescindible emprestada á secuenciación completa do xenoma realizada pola Fundación de Medicina Xenómica do doutor Ángel Carracedo, ou para a Iniciativa GRID, o sistema de cálculo distribuído máis grande do mundo, empregado para a localización do Bosón de Higgs. Tobío concluía que o centro está "deseñado para resolver poucos problemas, pero moi grandes".

Instalacións do CESGA en Compostela © Cesga
Enfriadores © Cesga
Finisterrae © Cesga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.