O CSIC precisa 75 millóns antes de fin de ano para evitar un "cataclismo"

Un investigador do CSIC © CSIC

O maior centro de investigación do Estado está a vivir unha situación económica similar á dun país intervido. Desde o ano pasado, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), sufriu unha suspensión de pagos temporal, un corralito e mesmo a cancelación de parte dos aforros dos grupos científicos que traballan nos máis de 100 centros de I+D que o consello ten repartidos por España. Esa última e polémica decisión desconcertou e indignou a moitos investigadores.

Unha semana despois do estourido da polémica, o presidente da institución, Emilio Lora-Tamayo, deu explicacións nunha rolda de prensa en Madrid. Lora-Tamayo recoñeceu que o CSIC afronta un "cataclismo", pero que, no curto prazo, a situación está controlada. "Os investigadores que teñan proxectos en marcha non teñen por que sufrir ningún parón nas súas actividades", dixo Lora-Tamayo, que asegurou que "se garante o funcionamento de todos os proxectos de investigación".

O instituto pode seguir funcionando "até setembro ou principios de outubro"

O martes pasado o presidente estableceu topes de gasto a todos os institutos que dependen do consello e, coas cantidades asignadas, pódese seguir funcionando "até setembro ou principios de outubro". Alén desa data, e se o Goberno non inxecta 75 millóns de euros máis, chegaría ese "cataclismo" no CSIC, segundo Lora-Tamayo.

"De forma ordenada e controlada"

Segundo os datos presentados, o CSIC pechou o 2012 cun déficit de 111 millóns de euros e este ano prevese que sexa de 102 millóns. A decisión anunciada hai unha semana limita o acceso dos investigadores ao diñeiro que xa lles foi concedido pola Unión Europea, convenios con empresas ou o Goberno de España para realizar proxectos de investigación. É o que algúns chaman "corralito" no que agora se chega mesmo a "cancelar" parte do diñeiro. Lora-Tamayo dixo que "os investigadores non teñen diñeiro, xa que hai unha soa caixa única" para todo o CSIC.

Nalgúns centros de investigación a cantidade que se deixaría de percibir ascendería a 300.000 euros,

Nalgúns centros de investigación, a cantidade que se deixaría de percibir en virtude da súa decisión ascendería a 300.000 euros, tal e como denunciaban a semana pasada. Preguntado por que sucederá con ese diñeiro, Lora-Tamayo dixo que "se reintegrará de maneira ordenada e controlada" cando "se recupere o nivel de ingresos". Esa devolución depende de que o Goberno faga unha achega extra de 75 millóns de euros en setembro ou outubro.

Lora-Tamayo dixo que "descoñecen" a canto ascende a cantidade total que habería que devolver, por iso, dixo, "preguntámoslle a cada instituto para que nolo diga". Este martes Lora-Tamayo tiña prevista unha reunión con xerentes e directores de centro para explicarlles as medidas. Asegurou que a pesar da súa crítica situación, na que o organismo debe cifrar a súa supervivencia en períodos de tres meses, a imaxe do CSIC "non esta tocada internacionalmente" e animou aos investigadores a seguir logrando financiamento competitivo da UE.

Un investigador do CSIC © CSIC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.