O Consello do Departamento de Filoloxía Galega da USC aprobou por unanimidade manifestar publicamente o seu "radical desacordo e fondo malestar ante a solución tomada polo Goberno da USC verbo da continuidade laboral do colectivo de profesores asociados LRU". En virtude dese acordo a USC acordou prescindir de seis deses docentes, dos que que tres pertencían a este departamento. O departamento denuncia que estes traballadores levaban entre 35 a 40 anos vinculados á institución, polo que resulta "incomprensible a non estabilización" destes empregados.
Tamén se critica que dende a USC sempre se asegurou que os impedimentos para a consolidación desas prazas eran de tipo procedemental e non orzamentario: "Finalmente quedou de manifesto que tal impedimento procedemental nin existiu nin foi determinante para a exclusión destes tres membros do noso departamento, toda vez que outros dez profesores doutros departamentos si foron estabilizados, a pesar de se atoparen en idéntica situación administrativa".
O Departamento de Filoloxía Galega afirma sentirse "particularmente afectado polas actuacións restritivas en materia de profesorado"
O Departamento de Filoloxía Galega afirma sentirse "particularmente afectado polas actuacións restritivas en materia de profesorado". Denuncia por exemplo a xubilación doutros dous docentes, a perda dunha investigadora do programa Parga Pondal ou a impugnación do proceso de promoción dunha profesora á categoria de titular. Tamén se critica que se impediu a contratación "dun Profesor emérito de grande relevancia ao suprimirse a convocatoria desas prazas".