O Estado ultima o repagamento para fármacos dispensados dende os hospitais

Ana Mato, ministra de Sanidade © Goberno de España

Máis madeira. Apenas vinte e catro horas despois de que transcendese o xeito en que o Ministerio de Sanidade vai concretar o repagamento do transporte sanitario non urxente -cinco euros por traxecto, con límites de entrre 10 e 60 euros mensuais- o departamento de Ana Mato ultima outra medida semellante, neste caso para os tratamentos que reciben os e as doentes que, malia non estaren ingresados, reciben medicación dende a farmacia hospitalaria. No momento en que se aprobe unha resolución cuxo bosquexo xa está redactado, os pacientes seguirán a pagar estes fármacos cos seus impostos e, ademais, terán que achegar 4,13 euros por eles.

O texto deste proxecto de resolución explica que a modificación impulsada polo Goberno central afecta "aos medicamentos que, sen ter a cualificación de uso hospitalario, teñen establecidas reservas singulares" consistentes "en limitar a súa dispensación aos pacientes non hospitalizados nos servizos de farmacia dos hospitais". Estes fármacos "estaban exentos de achega do usuario" e se "fosen dispensados na oficina de farmacia mediante receita, estarían suxeitos á correspondente achega dos usuarios". A través dunha modificación legal introducida polo gabinete de Mariano Rajoy no mesmo Real Decreto co que recortou as pensións, a vía está libre para "que ditos medicamentos e produtos sanitarios estean suxeitos tamén á achega do usuario", admite Sanidade.

Se é aprobado sen modificacións o novo repagamento aféctalle a medicamentos para tratar o cancro e a hepatite, entre outras doenzas

O réxime de repagamento destes fármacos estará suxeita á coñecida como "achega reducida" que, segundo unha lei de 2006, consiste "nun 10% do prezo dos medicamentos", cun límite fixado polo actual Goberno do PP nos devanditos 4,13 euros. Esta será a cantidade aplicada para tratamentos de multitude de enfermidades, entre as que se inclúen afeccións oncolóxicas como o cancro de mama (Tyverb, Xeloda) ou de próstata (Zytiga), antivirales contra a hepatite C (Ribavirina, Pegintron, Copegus), produtos para controlar a asma (Xolair) ou un tratamento para a esclerose múltiples (Sativex).

Este proxecto activou as alarmas en colectivos de doentes como a Asociación Española contra o Cancro (AECC), que tamén vén de reclamar que o Goberno central non aprobe o mencionado repagamento para o transporte sanitario non urxente, especialmente utilizado polos pacientes oncolóxicos. A través dun comunicado a AECC lembra que "case o 80%" da poboación do Estado "tivo unha experiencia moi cercana co cancro e o 4% padece a enfermidade". Estes datos, di, lévana a "esixir" que "haxa unha modificación" para "protexer os pacientes de radioterapia e quimioterapia, polo risco vital que suporái deixar o tratamento por non poder asumir o custo do transporte ao centro sanitario".

Ana Mato, ministra de Sanidade © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.