O profesor da Universidade da Coruña Ricardo García Mira, protagonista dunha conferencia internacional sobre o papel da psicoloxía para abordar o impacto do cambio climático
O catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña Ricardo García Mira, especializado en psicoloxía ambiental, vén de ser un dos protagonistas da primeira Conferencia Internacional de Psicoloxía Ambiental de Filipinas, organizada pola Universidade de Santo Tomás (UST), de Manila. A conferencia, na que participaron in situ ou por videoconferencia expertos de distintos países, centrouse no papel da ciencia psicolóxica para abordar o impacto do cambio climático.
No encontro García Mira subliñou "a importancia da cooperación tanto coas autoridades locais como co público na coprodución de coñecementos e proxectos no marco da psicoloxía ambiental".
"A psicoloxía ambiental segue sendo un campo xuvenil que pode ofrecer un amplo alcance sobre o impacto da sustentabilidade ambiental na saúde mental. Adoptar as leccións da psicoloxía ambiental permítenos forxar un camiño cara a unha comunidade máis resistente, harmoniosa e mentalmente estable para as xeracións vindeiras, unha aspiración realmente épica", salientou García Mira.