"O incremento do interese polo portugués ten moito que ver coas saídas profesionais que ofrece"

Escola Oficial de Idiomas de Vigo © Praza Pública

Un grupo de corenta persoas, as máis delas alumnos de portugués nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) de Ourense e Lugo, realizaron a preinscrición dispoñibilizada pola escola de Monforte para avaliar o grao de interese de cara a que no vindeiro curso se poida estudar esta lingua na vila das Terras de Lemos. Na actualidade pódese estudar portugués nas EOI das sete cidades galegas, así coma en Vilagarcía e Tui. Porén, nos centros de vilas como Monforte, Ribadeo ou Viveiro aínda non é posible, e tampouco nas seccións locais de diversas EOIs, como Negreira, Ribeira, Ordes, Noia, Cedeira, O Barco, O Carballiño, Verín, Cangas, Nigrán, Lalín, A Estrada, Ponteareas e Coia (Vigo).

Na actualidade pódese estudar portugués nas EOI das sete cidades galegas, así coma en Vilagarcía e Tui. Porén, nos centros de vilas como Monforte, Ribadeo ou Viveiro aínda non é posible

A asociación Docentes de Portugués na Galiza apoia a reivindicación dos alumnos monfortinos e chama a atención sobre o feito de que en toda a provincia de Lugo só hai un centro (na cidade) e salienta o paradoxo de que non se poida estudar portugués en Verín, a uns pouco quilómetros de Chaves. Anima a realizar a preinscrición de portugués na EOI de Monforte e a emprender iniciativas similares nas outras áreas xeográficas referidas. "Alegrounos moito que esta iniciativa partise do alumnado, que mesmo descoñecía a existencia da nosa asociación", din.

"Durante o último ano rexistráronse notables aumentos de matriculación nas EOI de Galicia: 48% (Pontevedra), 32% (Ferrol), 25% (Lugo) ou 23% (Vigo). En total, 1104 alumnos oficiais estudan portugués actualmente nas EOIs galegas"

Durante o último ano rexistráronse notables aumentos de matriculación nas EOI de Galicia: 48% (Pontevedra), 32% (Ferrol), 25% (Lugo) ou 23% (Vigo). En total, 1104 alumnos oficiais estudan portugués actualmente nas EOIs galegas, ao que teriamos de acrecentar os diversos cursos impartidos a docentes e outros colectivos. En opinión de Xoán Montero, presidente da entidade, este incremento débese a varios factores e en boa medida ten que ver co ensino secundario: "Estase impartindo portugués nuns trinta institutos, grazas a que algúns profesores con praza de lingua e literatura galegas, de forma altruísta, solicitáronlles aos centros impartir portugués e os centros solicitáronllo á consellaría, que normalmente acepta as peticións. Cando o alumnado pasa por un ou dous cursos de portugués no ensino secundario coñece esa realidade, que descoñecía, e despois quere afondar nesa lingua".

"Segue habendo moito alumnado que quere aprender portugués para mellorar o galego ou por afinidade cultural. Pero o interese está aumentando por moitas persoas que ven o portugués como unha lingua que hai que coñecer"

Montero sinala que tamén hai un incremento do interese na universidade, "por exemplo entre o alumnado de tradución e interpretación", explica, "que maioritariamente escollía inglés e francés como linguas e que ao rematar a carreira se decata de que o portugués lle ofrece moitas saídas laborais, polo que se apunta nas escolas de idiomas. Segue habendo moito alumnado que quere aprender portugués para mellorar o galego ou por afinidade cultural. Pero o interese está aumentando por moitas persoas que ven o portugués como unha lingua que hai que coñecer". Montero conclúe que "o incremento do interese polo portugués ten moito que ver coas saídas profesionais que ofrece. Unha de cada dúas empresas de Vigo ten relación con Portugal".

"Unha de cada dúas empresas de Vigo ten relación con Portugal"

Segundo a asociación de docentes, para conseguir que o portugués se imparta en máis centros, a mellor opción é iniciar o proceso cunha recollida de sinaturas "e que a dirección do centro lle traslade a petición á Xunta". Montero explica que "en Monforte a dirección do centro é proclive á introdución do portugués, pero pode pasar que noutros centro non o sexa, polo que nese caso a mellor vía sería a través da nosa asociación".

Escola Oficial de Idiomas de Vigo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.