O PP rexeita no Congreso as demandas da 'Segunda Carta da Ciencia'

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

O Partido Popular rexeitou no Congreso unha moción presentada polo PSOE que recollía integramente o decálogo contido na Segunda Carta por la Ciencia, elaborada polo colectivo de científicos que integran COSCE, CRUE, FJI, PID, FEI, CCOO e UGT. Aquel texto denunciaba a redución do orzamento de I+D+i en España, un 40% menos dende 2009 e tamén salientaba a redución dos fondos destinados a bolsas e contratos de investigación: un 20% menos para os programas FPU/FPI neste 2013, xa recortados nos exercicios anteriores e que se foron resolvendo con moito atraso. Ou a situación dos contratos Ramón y Cajal e Juan de la Cierva, reducidos nun 30% na última convocatoria. O pasado venres, coincidindo coas concentracións de investigadores que tiveron lugar en toda España, os promotores da Carta tentaron entregala, sen éxito, no Ministerio de Economía.

Os socialistas recolleron na súa moción as demandas dos científicos

Os socialistas recolleron na súa moción as demandas dos científicos. Entre elas figuran a posta en marcha do Plan Estatal de I+D+i 2013, a eliminación da restrición do 10% na taxa de reposición de emprego público no sector de I+D+i, o lanzamento da Estratexia de I+D+i con recursos que permitan cumprir o compromiso dun investimento do 2% do PIB no período 2013-2016 ou o mantemento do investimento público en ciencia básica ou a execución do 100% do orzamento aprobado para I+D+i polas Cortes Xerais.

Tamén se demanda que a transferencia de fondos aos centros e grupos de investigación con proxectos aprobados non estea vencellada ao cumprimento do obxectivo de déficit por parte das CCAA. E igualmente pídese que se cree a Agencia Estatal de Investigación como organismo autónomo e independente cun orzamento plurianual. Finalmente, propúñase "abrir un proceso de negociación para acadar un acordo social e político para preservar a I+D+i dos vaivéns económicos e políticos".

Cortizo sinalou que “a opción é acabar co exilio económico dos investigadores, salvar o sistema de ciencia e tecnoloxía” ou, pola contra, “apostar contra a ciencia e a tecnoloxía, contra a I+D+i, apostar por que España afunda até niveis que non se vían dende había décadas”

Nas súa intervención, o voceiro socialista de Ciencia e Innovación, Miguel Ángel Cortizo, denunciou o “desprezo amosado polo Goberno” aos científicos o pasado venres, que se manifestou en que “esta carta non fose recollida por responsable ningún e acabara tendo que ser pendurada da reixa do Ministerio, pegada con celo”. Cortizo reclamou que “se trate os representantes das universidades e do sistema de I+D+i cunha mínima deferencia, cando menos a mesma coa que tratan os defraudadores”.

Na súa opinión, as reivindicacións deste decálogo son “moi razoables" e están "feitas con boa fe, coa vontade de sacar o sistema de ciencia e tecnoloxía do estado agónico no que cae nos últimos dous anos polas políticas orzamentarias do goberno do PP” que “se realizan en contra do sistema de I+D+i”. Cortizo sinalou que “a opción é acabar co exilio económico dos investigadores, salvar o sistema de ciencia e tecnoloxía” ou, pola contra, “apostar contra a ciencia e a tecnoloxía, contra a I+D+i, apostar por que España afunda até niveis que non se vían dende había décadas”.

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.