O PSdeG cualifica de "placebo" a Lei de I+D da Xunta

Acto de protesta no Instituto de Investigacións Mariñas en Bouzas Dominio Público Praza Pública

O PSdeG-PSOE rexeitou este martes a Lei de I+D da Xunta, que cualifica de “Lei placebo” por resultar “totalmente superflua” e denuncia que “nin sequera considera a problemática do sector” relativa á precariedade e falla de estabilidade laboral que veñen de denunciar os investigadores galegos. O portavoz de Industria e Innovación do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, sinala que a Lei "elude asumir compromisos financeiros ou liñas estratéxicas, esquece o tecido investigador ou a situación dos organismos públicos de investigación e das universidades, non aborda o terrible marco laboral dos investigadores e evita prever mecanismos de transferencia de coñecemento". Ademais, di, "carece de medidas para evitar que se marchen os investigadores mais cualificados e renuncia a captar investigadores".

"Carece de medidas para evitar que se marchen os investigadores mais cualificados e renuncia a captar investigadores"

Méndez Romeu lamentou tamén que a Xunta teña obviado nesta norma establecer o pulo da investigación básica e “non considera en absoluto a implicación da empresa privada”. Reclamou a modificación da Axencia da Innovación para establecer un organismo que traballe na captación de investigadores e financiamento e a consolidación de equipos. Explicou que “o único que fai a Lei é fixar cómo debe ser o Plan Galego de I+D” para o que “non é preciso en absoluto unha Lei específica” que se limita a regulamentar 6 entes ou organismos do goberno galego que xa existían previamente ou mesmo xa están en funcionamento.

“Con menos do 1 por cento do orzamento destinado ás extintas caixas, con menos de 100 millóns de euros, o sistema galego de investigación estaría salvado”

Acusou ao PP de manterse “de costas ás necesidades da investigación” e afeoulles que “optaran por financiar os bancos e maltratar a investigación”, cando, explicou, “con menos do 1 por cento do orzamento destinado ás extintas caixas, con menos de 100 millóns de euros, o sistema galego de investigación estaría salvado”. Neste senso o parlamentario socialista criticou que o desleixo do goberno galego coa I+D chegou a que nos últimos catro anos deixaron sen executar un total de 148 millóns de euros dun total de 532 que foron orzamentados. Isto supón que “en catro anos eliminaron, deixaron sen executar, o correspondente a unha anualidade completa, o 28 por cento do orzamento de I+D”.

Méndez Romeu conclúe que “porfiar no erro que provoca o retroceso sistemático do I+D en Galicia se pagará no futuro, coa perda de xeracións enteiras de investigadores e da creación de valor no proceso produtivo".

Acto de protesta no Instituto de Investigacións Mariñas en Bouzas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.