O PSdeG denuncia que a Xunta “aposta por unha carreira precaria para os investigadores galegos”

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

O PSdeG-PSOE, a través de José Luis Méndez Romeu, denunciou este xoves que o proxecto de Lei de Investigación e Innovación da Xunta, aprobado cos votos do PP, “aposta por unha carreira precaria para os investigadores galegos, que non obteñen recoñecemento algún, mentres as universidades néganse á contratación estable de investigadores baixo o argumento de que carecen de financiamento mais que para captar profesorado”.

Méndez Romeu denuncia que esta iniciativa "confirma a renuncia da Xunta a desenvolver liñas estratéxicas para captar e manter aos mellores investigadores en Galicia"

O responsable de Innovacion dos socialistas sinala que esta iniciativa "confirma a renuncia da Xunta a desenvolver liñas estratéxicas para captar e manter aos mellores investigadores en Galicia". Ademais, dixo, "renuncia a incrementar a excelencia dos proxectos de investigación e a captar de investimento privado para o desenvolvemento destes proxectos". Segundo Méndez Romeu, a lei elude o establecemento de plans financeiros, liñas de retención de talento ou a creación dun marco laboral específico para os investigadores. En definitiva, dixo, constitúe unha “oportunidade perdida” polo goberno galego que “non engade valor, non resolve os problemas pendentes da investigación galega, non aborda unha estratexia ambiciosa para o futuro”.

O parlamentario socialista subliñou que esta Lei está a ser tramitada “cando en Galicia temos acumulados unha caída do gasto en  90 millóns de euros en catro anos consecutivos de caída no gasto en I+D”

Sinala que o único que acada o goberno galego é “aumentar a súa estatística de produción lexislativa” a través dun texto “inocuo e irrelevante” que “o único que fai é fixar cómo debe ser o Plan Galego de I+D” para o que “non é preciso en absoluto unha Lei específica”. Méndez Romeu advertiu que a Lei aproveita para “crear ou regulamentar seis entes ou organismos do goberno galego que xa existían ou están en funcionamento” mentres elude “calquera innovación organizativa ou estratéxica que xustifique que hoxe esteamos debatendo un proxecto de Lei”.

O parlamentario socialista subliñou que esta Lei está a ser tramitada “cando en Galicia temos acumulados unha caída do gasto en  90 millóns de euros en catro anos consecutivos de caída no gasto en I+D”, cunha “minoración sistemática” dos fondos de investigación “orzamento tras orzamento”. Sinalou que esta política coincide coa desenvolta polo PP no goberno central, que nun só orzamento ten eliminado 2.600 millóns de euros en toda España, minorando un 30 por cento as bolsas Ramón e Cajal, un 20 por cento os programas de investigación básica e liquidando totalmente programas coma o Xenoma.

 

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.