O representante da Universidade de Santiago de Compostela no Consejo Universitario do Estado (Ceune), e membro da Liga Estudantil Galega, abandonou o pleno deste organismo logo dunha crítica intervención na que amosou o seu posicionamento en contra da xestión do actual Goberno español.
Adrián Dios denunciou que o Ceune "é unha simple pantomima que ten como único fin amosar unha imaxe de normalidade e diálogo entre o goberno e a comunidade educativa do Estado, sen ningún tipo de atribución real". "É un organismo consultivo ao que reiteradamente non se lle escoita, que se convoca con máis de tres meses de atraso e ao que nin tan equera o seu presidente, o ministro Wert, acode, máis que para unhas votacións á comisión permanente totalmente irrelevantes, fuxindo de calquera debate ou posibilidade de diálogo", explica. "É unha farsa", asegurou logo en declaracións a Praza.
O representante da USC abandonou o pleno logo dunha dura intervención contra as políticas do Goberno central
Ademais, o representante da Universidade de Oviedo, xunto ao da Universidade de Valencia, marchou tamén dun pleno polémico no que unhas 35 universidades amosaron o seu rexeitamento claro á política levada a cabo polo Ministerio de Educación, ao que acusan, como no caso da USC, de facer "unha defensa pechada da súa xestión baseándose en dous argumentos inaceptábeis: a crise impide facer nada máis e non hai alternativas, e a herdanza recibida non nos permite reaccionar antes".
Así, o representante da USC defendeu que son precisas "diferentes políticas en materia educativa" e denunciou que "se están a tomar medidas dende o Goberno encamiñadas a rescatar o sistema financeiro mentres destrúen o pequeno Estado do Benestar existente, á vez que recortan bolsas, modifican as leis para mercantilizar o estudantado e tratalo como unha simple forza de traballo e non como cidadáns". "Mentres, soben as taxas e impiden que a mocidade poida acceder a uns estudos superiores, obrigan á emigración a quen non atopa traballo nin pode pagar os seus estudos, e fomentan reiteradamente o clasismo, o elitismo e a segregación na ensinanza, dándolle pulo deliberadamente o ensino privado", denuncian.
O representante da Universidade de Vigo, Iago Varela, cualificou o anteproxecto de Wert como "a folla de ruta cara á destrución da educación pública", ademais de censurar "a introdución de pensamentos neoliberais" no ensino. "Vostedes deixan en bandexa a educación á empresa privada", recriminou o estudante que cargou contra o "adoutrinamento católico" do Goberno do PP.
Ademais, Varela anunciou que non aceptará a proposta "mercantilizadora e recentralizadora" que supón o borrador da lei Wert, polo que pediu a dimisión do ministro e anunciou que os estudantes seguirán "combatendo" o anteproxecto se este segue adiante.
Representantes de 25 universidades presentan no Ministerio un informe sobre a Lomce, á queu cualifican de "mercantilista e clasista"
Antes, representantes de estudantes universitarios de 25 universidades españolas, reunidos na Asemblea Estatal de Representantes de Estudantes, entregaron á primeira hora deste martes no Ministerio de Educación un informe sobre o Anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Educación Universitaria (Lomce) á que cualifican de "mercantilista, capciosa e clasista".
Logo de dous días pechados na Universidade Complutense de Madrid case unha trintena de novos estudantes universitarios traballaron sobre unha alternativa á lei educativa que prepara o ministro de Educación, José Ignacio Wert, e co que esta tarde esperan debater no marco do Consello de Estudantes Universitarios do Estado (Ceune).
Unha das portavoces desta Asemblea Estatal de Representantes de Estudantes Amelia Fraga, da Universidade da Coruña, cualificou a lei de Wert de "mercantilista, fragmentaria, arbitraria, capciosa, erma, reduccionista, clasista e invasiva" e cargou contra a modificación que dita lei faría do acceso á universidade, asegurando que "imposibilitará a moitos mozos" a formación universitaria ao introducir "barreiras de aspecto económico".
Outro dos portavoces desta asemblea, Fabrizio Saquilan, da Universidade de Almería, criticou que esta lei non só persegue o obxectivo de redución de déficit público do Goberno, senón tamén contentar á comunidade eclesiástica ao introducir contidos educativos de índole ideolóxica. "Só se acordou cos bispos ás costas da comunidade universitaria. Sempre nos menosprezaron, do mesmo xeito que aos reitores", espetou.