O Sergas privatiza a supervisión dos tratamentos de tuberculose

A conselleira de Sanidade, nun acto público © Xoán Crespo

"Garantiremos a asistencia sanitaria pública de todos os residentes en Galicia, que serán manexados nas condicións que marca o novo Programa de Tuberculose". O pasado setembro a Consellería de Sanidade presentaba en Compostela a actualización do programa de prevención e control da tuberculose, unha "reestruturación dos recursos e procesos" cos que, sinalaba a Xunta, se ofrecerían "consultas sen demora" e se envitarían "ingresos innecesarios" ao tempo que se procuraba un "aforro potencial dun millón de euros por ano". Naquela presentación fíxose especial fincapé tamén na importancia das sete unidades de tuberculose que existen en Galicia, que pasarían a converterse en "referencia" para os tratamentos. En ningún caso a información facilitada por Sanidade deixaba entrever que nestes procesos fosen actuar empresas privadas. Pero así será.

O Servizo Galego de Sáude (Sergas) vén de iniciar o procedemento para contratar un "servizo de intervención para garantir o cumprimento dos tratamentos antituberculosos" enmarcados neste programa. Así, non será directamente o persoal da sanidade pública, senón o da empresa que resulte gañadora do concurso que agora se inicia, quen "realice todas as intervencións dirixidas a garantir o cumprimento" destes tratamentos, segundo figura no prego de condicións do contrato.

O custo da privatización será de máis de 350.000 euros e o contrato durará un ano

Nomeadamente, a empresa adxudicataria encargarse de boa parte da supervisión e control dos tratamentos, algo que polo tanto non lle corresponderá ás Unidades de Tuberculose, que só "supervisarán" estes proceso. Deste xeito, será a compañía privada a que, por exemplo, se encargue da "elaboración de informes técnicos sobre as necesidades asistenciais e sociais de cada paciente con tuberculose". A partir de aí terá que "deseñar as estratexias de busca de información máis útiles en cada caso" e "completar a información nun cuestionario predeterminado para a correcta descrición socio sanitaria dos casos".

Neste contexto, os datos que obran en poder do Sergas serán xestionados por mans privadas para xestionar bases de datos sobre a enfermidade ou elaborar "protocolos de actuación personalizados para a supervisión do tratamento (...) en cada caso". Ademais, á empresa corresponderalle a "realización das actividades necesarias para levar a cabo (...) o plan de actuación pola Unidade de Tuberculose correspondente", elaborar "informes periódicos da avaliación da actividade realizada e dos resultados" de cada doente e "informar á Unidade de Tuberculose" da "detección de problemas na cumplementación do tratamento". O labor da empresa que logre a adxudicación completarase co envío dos seus informes ao Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, dependente da Consellería de Sanidade, que será, en última instancia, a propietaria da documentación.

Segundo consta na propia documentación este servizo será contratado por un prazo dun ano que é posible prorrogar. Para privatizar estas funcións de supervisión e control o Sergas reserva 294.343,60 euros que, unha vez aplicado o correspondente 21% de IVE, chegan aos 356.155 euros. Desta cantidade 29.679,64 euros sairán dos orzamentos de 2012 e os restantes 326.476,11, dos de 2013.

A conselleira de Sanidade, nun acto público © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.