O TSXG desoe a Galicia Bilingüe e tumba de vez o cerne da política lingüística da Xunta

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

Outra reprimenda á política lingüística da Xunta... E van moitas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non estimou, nin tan sequera parcialmente, un novo recurso en contra do decreto do plurilingüismo instaurado polo Goberno do PP no ensino en Galicia. Neste caso, a Xustiza desestimou o que impuxera Galicia Bilingüe, ao considerar contraria á lei a súa petición, que non era outra que permitir que os pais puidesen escoller a lingua nas aulas, non só na que se imparten as clases, senón a dos libros ou a das comunicacións oficiais da Consellería de Educación. O TSXG rexeita os seus argumentos porque entende que non se "exclúe" o castelán nin se conculca o principio deo "cooficialidade".

O TSXG desestima o recurso de Galicia Bilingüe, que pretendía que familias e alumnos elixisen o idioma das aulas

Para o alto tribunal, esta reclamación do colectivo presidido por Gloria Lago iría contra a lei e a propia Constitución, xa que, tal e como lembra, corresponde á Administración determinar o idioma que se usa nos centros do ensino, e non aos pais nin aos alumnos. Ao igual que nas catro sentenzas anteriores, e en base a elas, o TSXG declara ilegal á consulta vinculante ás familias -e polo tanto o artigo 5.2 do decreto-, así como a posibilidade de que o alumno emprego na aula o idioma que lle pete, o artigo 12.3.

A sentenza recorda que a Constitución só recoñece "unha esfera da elección" aos pais no caso da formación relixiosa e moral para que a reciban de acordo ás súas propias conviccións o que, "implicitamente, deixa fóra de devandita posibilidade" a relativa á lingua no ensino. O TSXG argumenta que o modelo elixido pola Xunta para garantir a cooficialidade do galego e do español constitúe "unha das opcións legalmente posibles" dentro do modelo de bilingüismo e conxunción que instaura o Estatuto de Autonomía de Galicia. "A administración educativa non pode someter a votación un aspecto fundamental como a lingua", di.

O ditame aclara tamén que se debe admitir unha marxe de apreciación á administración autonómica, de modo que se se move nunhas "marxes de racionalidade e proporción lóxicas" á hora de distribuír horarios e materias que deben impartirse nunha e outra lingua, o modelo non poderá ser considerado contrario a dereito.

Galicia Bilingüe tamén solicitaba que se evitase que a consulta aos pais sobre a lingua materna dos seus fillos puidese deixar "ao libre arbitrio" do centro ou dunha "instrución" da Consellería de Educación a aplicación do resultado da consulta: aula, curso ou centro educativo. A sentenza aduce que este motivo "queda libre de contido" pola recente sentenza da mesma sala do 21 de novembro polo que se anula devandito capítulo, o 5.

Agora corresponderalle á Xunta mover ficha. Logo do primeiro dos ditames, en resposta aos recursos da Mesa pola Normalización, CIG-Ensino e Queremos Galego, o Goberno galego asegurara que tomaría unha decisión sobre unha posible modificación do decreto logo de coñecer todas as sentenzas pendentes, incluídas aquelas que ían no sentido contrario ás maioritarias.

A Xunta debe agora modificar o decreto, logo de asegurar que esperaría ao resultado de todas as sentenzas, incluídas as de colectivos contrarios á normalización

Agora, a Xustiza vén de deixar claro que o cerne sobre o que se baseou a contrarreforma lingüística do Goberno e Feijóo non é legal. A nova sentenza non só insiste en que é a Administración a que debe decidir a lingua do ensino en base a criterios pedagóxicos, senón que pon barreiras ás intencións dos colectivos máis radicais de determinar desde as familias o idioma dos libros ou das comunicacións oficiais dos centros.

 

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas
Feijóo, con Jesús Vázquez nun acto de campaña © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.