O verán e a dependencia de Povisa disparan a agarda cirúrxica no Sergas ata preto dos 100 días

Profesionais sanitarios dun hospital galego © Sergas

A pasada lexislatura rematou mal e a nova non comeza mellor. Como cada verán os peches de camas e a diminución da actividade hospitalaria provocan que os datos das listas de espera cirúrxica que o Servizo Galego de Saúde fai públicos a finais de setembro amosen un incremento do tempo necesario para acceder a unha operación. Pero desta volta o dato é especialmente negativo e é, ás claras, resultado tameń do lastre que supón para a sanidade pública galega o feito de seguir dependendo dun hospital privado-concertado para atender a unhas 100.000 persoas na área de Vigo. Froito desta mestura de factores é a cifra calculada polo Instituto Galego de Estatística e feita pública por Sanidade: 98,9 días de media.

Boa mostra da rémora que supón a dependencia de Povisa é o feito de que a propia Consellería de Sanidade amosa dende hai meses as listas de espera de dous xeitos: amosando a media global "con Povisa e "sen Povisa". Non en van, o resto da rede hospitalaria do sistema público sanitario acumula unha demora nada desprezable, pero moito menor: 77 días. Do mesmo xeito, o centro vigués realiza tamén unha achega nada desdeñable ao rexistro cuantitativo de doentes que están a agardar: en toda Galicia, sempre segundo os datos da Xunta, están á espera para seren operadas 35.170 persoas, das cales 5.705 son de Povisa. Esta cifra só é superada polo hospital da Coruña, se ben alí o tempo de espera fica nos 89,8 días.

Das máis de 35.000 persoas que agardan por unha operación, case 6.000 son de Povisa

Así as cousas, os resultados amosados polo Sergas fican notablemente lonxe dos límites de espera que a Xunta asegura que fixará a través da denominada lei de garantías, segundo a cal, atendendo ao anunciado polo presidente da Xunta en funcións, se poderá levar a sanidade pública aos tribunais se unha persoa ten que agardar máis de 60 días. Ao tempo, as táboas de datos dispoñibles no Sergas permiten concluír que este dato de setembro é o peor dende que o actual Goberno tomou posesión, xa que en 2011 a espera media foi de 93,4 días, en 2010 de 90,7 e en 2009, de 92.

Estes datos de listas de espera chegan despois de que o Sergas tivese tamén o peor dato de xuño nos últimos tempos. Como detallou Praza Pública, en xuño de 2009 as estatísticas oficiais dicían que no Sergas cumpría agardar unha media de 67 días para acceder a unha operación. Un ano despois, no mesmo mes de 2010, o rexistro subía ata os 71 días. En 2011 o incremento volveuse producir, chegando aos 73, sete menos dos actuais 80.

Profesionais sanitarios dun hospital galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.