O VIH ten un punto débil. Unha pequena fenda pola que actúa unha vacina experimental efectiva no 31% dos casos. Así o amosa un artigo recén pubicado na web da revista Nature, e que representa un paso máis no camiño cara a derrota do axente responsábel da sida.
Desde o ano 2009 un equipo de científicos de Estados Unidos e Tailandia experimenta neste país cunha combinación de dúas vacinas en 16.000 persoas infectadas co VIH-1, a variedade máis estendida polo mundo. Hoxe a doenza afecta a máis de 34 millóns de persoas en todo o mundo, segundo os datos de ONUSIDA.
Os investigadores atoparon onde actúa a vacina.
Os pacientes son homes e mulleres de entre 18 e 30 anos de dous territorios diferentes, maioritariamente heterosexuais e que se atopan nas fases iniciais da infección polo virus e aínda non desenvolveron a doenza.
En abril de 2012 deron a coñecer os primeiros resultados, que amosaban unha eficacia do 31% da vacina. Agora os investigadores atoparon por que se produce esa protección en 3 de cada 10 casos. Os anticorpos conseguen actuar en determinados puntos do material xenético do virus e impiden que infecte ás células, se ben non elimina o VIH do corpo.
Porén, os mesmos científicos chaman á calma, pois estes resultados producíronse en virus cunhas características xenéticas determinadas, e alertan de que o VIH pode mutar unha vez máis para superar esta nova barreira. O virus causante da sida é un dos que presenta unha capacidade de cambiar e adaptarse máis alta, e conta con numerosas variantes que complican atopar un tratamento definitiva.
A capacidade de mutar do VIH dificulta atopar un tratametno definitivo.
O obxectivo final destas investigacións é atopar un tratamento que elimine o virus antes de que cree as reservas latentes no corpo, algo que probabelmente non se consiga na primeira xeración de vacinas efectivas.
Os autores do estudo remarcan a necesidade de continuar as investigacións para determinar de forma máis clara o papel que xoga a variabilidade xenética do VIH na efectividade do tratamento e atopar dese xeito novas posíbeis vacinas.