Os científicos de mañá presentan os seus proxectos en Galiciencia

Un dos proxectos presentados polos centros de ensino en Galiciencia © Fundación Fecyt

Chega Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, que entre este mércores e o venres reunirá en Ourense a máis de dúas mil persoas, interesadas pola ciencia. Sobre todo mozas e mozos, procedentes de medio cento de centros de ensino de Galicia (e cinco de Barcelona), que presentarán en público os proxectos científicos nos que levan semanas traballando, un primeiro paso para comprobar un interese pola ciencia e a investigación, que os pode levar a desenvolver estas carreiras no futuro. Participan 16 colexios de Ourense, 12 de Vigo, 4 de Pontevedra, 2 de Lugo, 2 de Ribadeo, 2 de Ferrol, 2 de Narón, 2 de Cambre, 1 de Santiago e os xa comentados 5 de Barcelona.

Entre os proxectos, experimentos e inventos que se poderán ver en directo, atopamos un respaldo intelixente que avisa de malas posturas nas costas, unha luz de salvamento a partir do flash dunha cámara dun só uso, un sistema de alerta de acceso en contrasentido en autoestrada ou unha investigación que parte da hipótese de que a morriña é un efecto do “mono” dos galegos polo gas radón.

Ademais, alumnas e alumnos de Lugo realizaron unha investigación para identificar e recoller plantas das que poder extraer aceites esenciais co obxectivo de elaborar un perfume ecolóxico, outros elaboraron un sistema de rego en desertos mediante cueiros usados, e outros compuxeron unha receita de hamburguesas "sas", con cenoria, coliflor, acelga ou chícharos.

Outro dos proxectos tentará cocer un ovo coa radiación emitida por dous teléfonos móbiles, outros deseñaron e construíron pantallas táctiles con materiais caseiros e outros estudaron a influencia da lúa nos cultivos. Un proxecto ourensán deseñou un sistema caseiro para separar fragmentos de ADN e outro máis aproveitou o vento que entra pola parte frontal do coche cun aeroxerador para producir hidróxeno a partir da electrólise da auga nunha pila de hidróxeno.

Outro dos traballos, procedente de Lugo, comparou a efectividade das predicións do Servizo Galego de Meteoroloxía e do estatal AEMET. E outro máis estudou o impacto dos plásticos sobre a Ría de Vigo. Alumnas e alumnos de Narón elaboraron un péndulo de Foucault caseiro, e dende Cambre investigaron cal é o mellor método para provocar o bocexo. 

Finalmente, alumnos de Vigo construíron un foguete impulsado por auga con materiais de uso común: unha botella baleira dunha bebida carbonatada, cartón e cinta adhesiva, que pode acadar os 30 metros de altura. E no mesmo colexio levaron a cabo un proxecto para a produción de biodiésel utilizando algas de mar.

 

Actividades paralelas

Ademais, Galiciencia, que ten entrada de balde, presenta unha ampla oferta de actividades paralelas, que inclúen a conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga a través dunha exposición promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e de varios talleres orientados a diferentes idades. Neles realizaranse experimentos físicos e químicos nos que se traballará con augas termais, ademais de catas e experiencias dirixidas a concienciar aos participantes sobre o valor e a importancia dun uso responsable. Tamén se organizarán dous concursos de debuxo e fotografía coa auga como tema principal. Neles participaron colexios de toda Galicia ao longo das últimas semanas.

O mundo do cine e do cómic terán tamén o seu espazo, a través dun espectáculo no que se analizarán os poderes dos superheroes desde un punto de vista científico 

O mundo do cine e do cómic terán tamén o seu espazo, a través dun espectáculo no que se analizarán os poderes dos superheroes desde un punto de vista científico. Flash, Superman e Spiderman serán sometidos a exame mediante divertidos experimentos que demostrarán que as súas habilidades teñen pouco que ver co mundo real.

Finalmente, o evento volverá contar coa súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asitentes á entrega de premios o último día. Como novidade, a Galiciencia contará este ano cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira que gravarán todo o que ocorra na exposición de proxectos e nos talleres e espectáculos para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes.

Entrega de premios nunha edición anterior de Galiciencia CC-BY-NC-SA Tecnópole
Un dos proxectos presentados polos centros de ensino en Galiciencia © Fundación Fecyt
Un dos proxectos presentados polos centros de ensino en Galiciencia © Fundación Fecyt
Unha das presentacións de Galiciencia para os escolares CC-BY-NC-SA Tecnópole

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.