"Os científicos son a Galicia espallada do século XXI"

Conta atrás na web de Gciencia © Gciencia

25 de novembro. Esa é a data escollida para o lanzamento de GCiencia, unha web especializada en información científica, en divulgación do coñemento cientifico. Está impulsada por un grupo de xornalistas, entre os que destacan, sobre todo Eduardo Rolland e Pablo López, ademais de Alberto Quián, que se ocupará da parte técnica da páxina. Colaboran tamén o deseñador Javier Aguilera e bastantes xornalistas galegos que tamén colaborarán de forma máis esporádica.

"Pensamos que hai un oco, un baleiro, fai falla un medio que se dedique exclusivamente á información científica, de divulgación científica" -explica Rolland- "O noso interese é divulgar a ciencia que se fai en Galicia ou que fan galegos". Buscarán estar en permanente contacto coa comunidade investigadora galega, tanto a que traballa en Galicia, no resto do Estado ou en calquera lugar do mundo: "Os científicos son a Galicia espallada do século XXI", salienta.

"Pensamos que hai un oco, un baleiro, fai falla un medio que se dedique exclusivamente á información científica, de divulgación científica" 

Ademais, destacan que a web de noticias de ciencia Materia será un dos referentes nos que se mirarán: "Materia é unha páxina que nos inspira moito. E creo que o seu segredo e o motivo polo que lle gusta tanto á xente é porque é xornalismo, de xeito que as súas historias, sen perder o rigor científico, poden chegar ao gran público".

A publicación será trilingüe: a lingua básica será o galego, pero estará traducido ao castelán e ao inglés

A publicación será trilingüe: a lingua básica será o galego, pero estará traducido ao castelán e ao inglés. "Isto último, que a páxina estea en inglés é moi custoso para nós, pero fixemos un esforzo porque para nós é moi importante", salienta Eduardo Rolland. "Cando nos reunimos con científicos, insistíannos en que era fundamental que a páxina estivese en inglés. Non tanto polos científicos do ramo, que xa saben o que se move no seu campo, pero si por outro tipo de audiencia, sobre todo empresas de todo o mundo, que moitas veces descoñecen que en Galicia se están a investigar cousas que son importantes para eles, coma no caso da acuicultura", destaca.

 

Un proxecto cociñado lentamente

O proxecto foise cociñando de vagar, e púxose en marcha a comezos de ano. Polo camiño xurdiu a convocatoria que fixo o Colexio de Xornalistas das bolsas iProx, en colaboración con Novagalicia Banco. "Presentamos o proxecto e déronnos unha axuda, que dedicamos integramente á realización da páxina. E á marxe diso, tanto Pablo López coma min, como socios, fixemos a nosa achega de traballo e de capital", subliña Rolland.

"Faltan aínda detalles que pechar, pero o 25 será o lanzamento, por iso temos na páxina un cohete a piques de despegar. Curiosamente coincide uns poucos días despois do lanzamento do satélite que a Universidade de Vigo porá en órbita, o día 21". Ese, comenta ademais, será un dos primeiros temas aos que Gciencia dedicará unha atención preferente.

Haberá tribunas e colaboracións de científicos galegos. E tamén están creando un comité asesor científico para a páxina

Haberá tribunas e colaboracións de científicos galegos, comezando por Antonio Figueras, investigador do IIM de Vigo e vicepresidente do CSIC. E tamén están creando un comité asesor científico para a páxina. Así mesmo, incorporarán outros contidos, coma videoblogs, dos que queren que se encarguen invertigadores galegos que levan a cabo o seu traballo en distintos lugares do mundo. "Os contidos audiovisuais serán moi importantes en Gciencia, será un dos nosos valores diferenciais", comenta Rolland, "temos un equipo, no que destaca o realizador Luis Montenegro, que se encarga de gravar e editar entrevistas e reportaxes".

Conta atrás na web de Gciencia © Gciencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.