Neste 2012 celébrase o segundo centenario do nacemento en Monforte de Antonio Casares, unha das figuras máis importantes do século XIX e, con todo, un gran descoñecido para o gran público. Afortunadamente nos últimos tempos en círculos científicos estase reivíndicando o seu labor pioneiro na química e na física e tamén no fomento da formación científica. Por exemplo o pasado mes de abril, xusto cando se facían os dous séculos do seu nacemento a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) dedicoulle a V Edición do Día do Científico Galego e esta semana o Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo organizoulle unha homenaxe en Ourense no marco do XIII Encontro Inter-Bienal do Grupo Especializado de Termodinámica da Real Sociedade Española de Física.
Nesta última homenaxe, o profesor da USC Manuel Bermejo afirmou que Casares “era un visionario, o científico máis brillante e prolífico do seu tempo” e salientou que “dedicou a súa vida a investigar para resolver os problemas da sociedade nun momento, o século XIX, cando a física, que daquela non estaba desligada da química, estaba empezando a alumear o século XX, no que foi fundamental para o benestar da sociedade”. Pois a ciencia para Casares tiña interese "non tanto como simple actividade de erudición, senón como instrumento aplicado á realidade e destinada ao seu servizo", como salientaba Xosé Carlos Álvarez Flórez nun artigo en Praza, no que o sinalaba como Pai da Química en Galiza, "así como o iniciador da actual I+D+i, nesta especialidade científica".
O profesor da USC Manuel Bermejo afirma que Casares “era un visionario, o científico máis brillante e prolífico do seu tempo”
No eido da docencia, tiña Casares, especial preocupación polo ensino a través da experimentación; de aí que fose un pioneiro en levar o seu alumnado ao laboratorio, a realizar visitas ao campo…, lembra Álvarez Flórez. Así mesmo, a súa vocación docente conduciuno á tradución de numerosas obras estranxeiras, co fin de que o estudantado dispuxese dunha formación completa e actualizada. Esa vocación foi a que o levou tamén a escribir e publicar numerosos libros de grande utilidade para a docencia e que acadaron enorme repercusión: Tratado Práctico de Analisis Química, Manual de Química General, que se converteu en manual de referencia na materia, en numerosas universidades españolas, ao longo de case 40 anos.
Pero quen foi Antonio Casares? Con só 24 anos gañou por oposición a primeira Cátedra de Química Aplicada ás Artes da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Posteriormente, convertiríase no primeiro catedrático de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cargo que ocupou dende1845 ata o seu falecemento. O seu primeiro cargo administrativo na USC chegou en 1846, co nomeamento como decano da Facultade de Filosofía (que daquela abranguía as disciplinas de Letras e Ciencias). En 1857 asume o decanato da recén creada Facultade de Farmacia e dous anos despois converteuse no primeiro decano da Facultade de Ciencias (Química), tras a separación da Facultade de Filosofía nas de Letras e Ciencias. En 1872 foi nomeado reitor da USC, cargo que exerceu ata o seu falecemento, o 28 de Abril de 1888.
Os seus traballos de análise de metais en augas levárono a realizar as súas primeiras investigacións en Caldas de Reis e Cuntis, ás que logo seguiron outras en Arteixo, Carballo, Mondariz, A Toxa, Sousa, etc.
Foi un dos creadores da análise química e un dos iniciadores da técnica da espectrocopía en España. A el débense os primeiros estudos en profundidade sobre as fontes de augas medicinais e os viños galegos. No primeiro caso, os seus traballos de análise de metais en augas levárono a realizar as súas primeiras investigacións en Caldas de Reis e Cuntis, ás que logo seguiron outras en Arteixo, Carballo, Mondariz, A Toxa, Sousa, etc. O seu prestixio nesta área era tan grande que os seus servizos foron requeridos por toda España.
Sintetizou cloroformo e éter cos que se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas con anestesia en España
No ano 1847, tan só unhas semanas despois das primeiras experiencias mundiais en Massachussets (EE.UU.) e Edimburgo (Reino Unido), sintetizou cloroformo e éter cos que se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas con anestesia en España. O seu carácter emprendedor levouno, no ano 1851, a acender no claustro do edificio da Universidade de Santiago -hoxe Facultade de Xeografía e Historia- a primeira luz eléctrica con arco voltaico que funcionou en España.
Foi un dos tres especialistas que, a petición do cardeal Miguel Payá Rico, ditaminaron sobre se os restos descubertos na Catedral de Santiago en 1879 correspondían ao apóstolo
Tamén realizou investigacións no ámbito da Mineraloxía, ata o punto de que no curso dos seus traballos de campo en Cabo Ortegal (A Coruña) logrou descubrir dous novos minerais: a morenosita e a zaratita. Ademais, como curiosidade, foi un dos tres especialistas que, a petición do cardeal Miguel Payá Rico, ditaminaron sobre se os restos descubertos na Catedral de Santiago en 1879 correspondían ao Apóstolo e a dous dos seus discípulos.