Os gobernos europeos preparan unha nova norma para limitar a liberdade en Internet

© blog.webangel.ie

Morto e soterrado o ACTA agora a ameaza para a liberdade en Internet chámase The Clean IT. Alemaña, Bélxica, España, Holanda e Reino Unido destinan 400 mil euros ao proxecto, do que se acaban de filtrar as primeiras propostas. Xunto con algunhas boas prácticas para previr delitos na rede inclúese recomendacións para eliminar a prohibición de que as empresas vixien as comunicacións electrónicas dos seus traballadores.

Entre as propostas que realiza o documento están a de establecer que por lei haxa que usar nomes reais para darse de alta nos servizos en liña e que as redes sociais só lles permitan aos seus usuarios usar fotos reais para identificarse. Tamén se recomenda que se desenvolva un botón para denunciar contidos a nivel de sistema operativo ou de navegador que sexa obrigatorio nos países europeos.

Porén, fronte a estas ideas máis inocuas e que mesmo poden atopar o consenso xeral para a súa aprobación, o proxecto prevé tamén que os proveedores de acceso teñan responsabilidade legal por non facer os esforzos suficientes para identificar "un uso terrorista" de Internet. Isto compleméntase coa recomendación de que as descricións do que constitúe unha actividade terrorista non deben ser moi detalladas "para evitar que queden fóra cousas".

Ademais, proponse eliminar la lexislación que prohibe as empresas vixiar as comunicacións electrónicas dos seus traballadores. Algunhas destas ideas son claramente ilegais e para levalas á práctica haberia que modificar numerosas normas relativas á privacidade e á liberdade de expresión.

© blog.webangel.ie

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.