Os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4% entre 2009 e 2012

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

As universidades levan anos reducindo os seus gastos e investimentos, tanto en persoal coma noutras áreas, nun intento de resolver a súa difícil situación económica, cuns elevados nives de débeda. Porén, colectivos de docentes, investigadores, pas e estudantes adoitan alertar que a saída desta situación non debe centrarse, unicamente, nun recorte de certos gastos, senón que a única solución real atinxe ao capítulo dos ingresos, os fondos achegados nomeadamente pola Xunta e tamén os recursos que se poidan acadar en convocatorias estatais e europeas no campo da investigación e a transferencia de coñecemento.

Hai uns meses a CIG explicaba as razóns do seu rexeitamento ao Plan de equilibrio orzamentario da USC, demandando que a universidade non se limitase a acatar os recortes impostos polo Goberno galego e buscando que a institución lle explicase á sociedade cales eran os efectos destes recortes. O sindicato esixíalle á USC que puxese enriba da mesa "as razóns de por que imos a este plan de axustes, precisamente pola política de recortes da Xunta".

O informe Las universidades españolas. Una perspectiva autonómica. 2014, publicado recentemente pola Fundación CYD, pon de manifesto que os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4% entre 2009 e 2012, tres puntos por riba da media española (11,4%). Neste período tamén se reduciron os seus gastos, un 7,1%, unha cifra semellante á do conxunto do Estado (6,7%). No capítulo de ingreso vese moi afectado o apartado de taxas, prezos públicos e outros ingresos, que cae un 20,7%, pero tamén o de transferencias correntes, os recursos que as universidades reciben das distintas administracións -sen contrapretación directa- para o abono dos seus gastos correntes, e que neste período se reducen nun 12,9%.

En 2012 o indicador de ingresos correntes por alumno situouse en Galicia nos 6.652 euros, por debaixo da media española (6.821 euros), aínda que as tres universidades galegas si superan a media estatal no que respecta ás transferencias correntes por alumno (5.371 euros fronte a 5.090).

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.