Os investigadores preparan a mobilización do 14X: “A nosa situación é desesperada"

Concentración de investigadores no Obradoiro Dominio Público Praza Pública

O pasado ano unha Carta por la Ciencia que recolleu o apoio de máis de 40.000 científicos de toda España denunciaba os recortes en I+D+i e a situación de parálise que se estaba creando. De igual xeito, o pasado mes de decembro concentracións de investigadores en todo o Estado, convocadas ao abeiro dese texto reivindicativo, denunciaron as crecentes dificultades para levar a cabo unha carreira investigadora en España. Seis meses despois, o mesmo colectivo publica unha nova carta e convoca novas mobilizacións ante unha situación e un problema, que lonxe de solucionarse, mesmo se agravou. En Galicia o acto central de protesta deste 14X terá lugar o venres ao mediodía na compostelá praza do Obradoiro.

Un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos deixaron Galicia entre 2002 e 2011, 22.826 con destino ao estranxeiro e 102.019 cara a outra autonomía do Estado

Case 40 mil titulados universitarios deixaron Galicia entre 2003 e 2010. E un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos deixaron Galicia entre 2002 e 2011, 22.826 con destino ao estranxeiro e 102.019 cara a outra autonomía do Estado. De todas esas emigracións máis de 65.000 producíronse dende o ano 2007, considerado como o do inicio da actual crise económica.

“A nos situación é desesperada", afirma Andrés Pérez, voceiro de Precarios-Galicia, “mesmo xente que tiña unha mellor posición para conseguir un contrato aquí está marchando fóra”. O propio texto da convocatoria deste venres destaca que no último ano os feitos só "agravaron o penoso escenario que denunciábamos" e destaca a redución do orzamento de I+D+i en España, un 40% menos dende 2009, dos fondos para bolsas, dos contratos Ramón y Cajal y Juan de la Cierva, a práctica prohibición para as universidades e centros públicos de realizar novas contratacións ou a paralización da convocatoria de proxectos de Plan Nacional para o ano 2013. En definitiva, a imposibilidade de crear e consolidar unha carreira investigadora en España.

En Galicia o acto central de protesta deste 14X terá lugar o venres ao mediodía na compostelá praza do Obradoiro

Esta, a principal eiva da investigación en Galicia, non vai atopar solución na Lei de fomento da investigación e a innovación de Galicia aprobada en solitario polo PP. Esa é a meirande crítica que realizaron os grupos da oposición, canda á falta de financiamento. Outro dos grandes problemas é o “fracaso no obxectivo que evitar a dependencia da investigación do sistema universitario”, como lembra Andrés Pérez. Unha crítica reiterada pola Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal, que piden a creación dun corpo de investigadores único en Galicia, que estea máis desligado dos departamentos universitarios e xestionado polo Goberno galego en coordinación con universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos. Salientan que en Galicia "as dificultades para consolidar unha carreira investigadora son notables, de xeito que a única vía que se pode usar para a acceder á investigación en universidades está rexida por criterios docentes".

"A pesar de que Portugal é un pais rescatado e en principio cunha situación peor que a de España, en realidade ofrece mellores condicións para os investigadores"

E alén disto o problema de base é a falta de conciencia no conxunto da poboación sobre a importancia da investigación. Na nova Carta por la Ciencia, que se presenta este venres, destácase que "a única saída viable á crise que afecta a nosa sociedade" ten na "ciencia e a tecnoloxía" os seus "elementos básicos". "Falla a base da educación e a divulgación por parte dos científicos: non conseguimos trasladarlle á sociedade a importancia da ciencia e da investigación", destaca Andrés Pérez, que engade que “tamén é culpa das universidades, que cargan de traballo os investigadores e de tarefas burocráticas. Pero en cambio cando levas a cabo tarefas de divulgación non cho recoñecen nin salarial nin curricularmente”.

Hai esperanza? Se aqui non hai queda a opción de mirar cara fóra, e pódese dicir que menos mal que nos queda Portugal, como destaca o voceiro de Precarios-Galicia: "a pesar de que Portugal é un pais rescatado e en principio cunha situación peor que a de España, en realidade ofrece mellores condicións para os investigadores. E son moitos os investigadores e científicos galegos que están marchando a Portugal".

Concentración de investigadores no Obradoiro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.