Os Parga Pondal piden a creación dun corpo de investigadores único en Galicia

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

A Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal vén de remitirlles aos grupos parlamentarios un conxunto de propostas para a súa incorporación na Lei de Investigación e Universidades de Galicia que iniciou a súa tramitación. O obxectivo fundamental é e evitar a marcha de talentos e sobre todo darlles estabilidade laboral aos investigadores. Os Parga Pondal piden a creación dun corpo de investigadores único en Galicia, que estea máis desligado dos departamentos universitarios e xestionado polo Goberno galego en coordinación con universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos.

Os Parga Pondal piden a creación dun corpo de investigadores único en Galicia, que estea máis desligado dos departamentos universitarios e xestionado polo Goberno galego en coordinación con universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos

O documento salienta que "as administracións han de aportar infraestruturas e estabilidade laboral para que os investigadores poidan facer o seu traballo". E engade que "non só se trata de acadar unha situación laboral estable (que tamén) senón unha continuidade no labor investigador, de maneira que segundo se avanza na xeración de coñecementos e na súa transferencia se poida cimentar con máis forza a traxectoria dos investigadores mediante captación de fondos (tanto da administración autonómica, como nacional europea e, por suposto entidades privadas) e xeración de novos contratos"

Salientan que en Galicia "as dificultades para consolidar unha carreira investigadora son notables, de xeito que a única vía que se pode usar para a acceder á investigación en universidades está rexida por criterios docentes"

Salientan que en Galicia "as dificultades para consolidar unha carreira investigadora son notables, de xeito que a única vía que se pode usar para a acceder á investigación en universidades está rexida por criterios docentes". De igual xeito destacan que "a actual política da Xunta perfila a Universidade como o único ente investigador" e sinalan que "a realidade é outra. Non só se fai investigación na universidade, tamén hai organismos non universitarios nos que se fai investigación". E por iso piden "a creación dun tecido investigador galego. Un corpo de investigadores (que non quere dicir funcionarios) cunha estabilidade laboral vinculada á revisión da súa produtividade". Afirman que isto incrementaría "a xeración e transferencia continua de coñecementos, é dicir, a base do modelo económico que se defende na actualidade".

Defenden que na creación desta rede de investigación "ten que intervir fundamentalmente a administración pública, dun xeito máis ou menos similar ao que xa fixeron outras comunidades autónomas como Cataluña e Euskadi, que son quen, non só de reter o seu talento investigador, senón tamén de captar investigadores de alto nivel procedentes doutras zonas (entre elas Galicia, por suposto)". Pero tamén destacan "a necesidade de forzar a implicación da empresa privada como motor da transferencia de resultados científicos orientados ao desenvolvemento de novos produtos ou procesos, mellora da produtividade, mellora dos seus procesos de innovación e da calidade dos seus produtos".

Este colectivo denuncia que os investigadores do programa Parga Pondal "malia estaren acreditados, non contan cunha seguridade no seu futuro como investigadores, xa que moitas veces a única vía de estabilización está unida ás posibilidades docentes dun departamento universitario". E afirman que na última reunión mantida co grupo parlamentario do Partido Popular "suxeríusenos a creación de un ente investigador dentro da universidade e independente dos departamentos".

"Moitas veces o curriculum dun só investigador Parga Pondal superaba a todos os currículos do resto do departamento en conxunto"

Engaden que "ata agora os Parga Pondal potenciaban o curriculum dos departamentos, sen que finalmente se lles outorgara a praza que lles corresponde" e lembran que "moitas veces o curriculum dun só investigador Parga Pondal superaba a todos os currículos do resto do departamento en conxunto". Por ese motivo piden "unha avaliación independente" que "propulsará unha maior competencia de resultados, unha maior produtividade, plasmará a realidade universitaria, e só pode beneficiar ao motor de impulso da comunidade galega".

 

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.