Outernet, a rede wifi global de balde con contidos de internet

Logotipo de Outernet CC-BY-SA Outernet

Imaxina que esteas onde esteas ao activar a conexión WiFi do teu móbil, tableta ou portátil aparece unha rede aberta á que te podes conectar sen pagar subscrición ou cota con contido informativo, útil ou educativo, só para consulta. Diso trata Outernet, un proxecto que xa camiña coa meta de estar plenamente operativo en xuño de 2015.

O promotor desta idea é Syed Karim, director de innovación de Media Develpment Investment Fund (MDIF polas súas siglas en inglés), unha organización que se describe a si mesma como un "fondo de investimento por obxectivos para empresas de información independentes en países cun pasado de opresión á comunicación". Define Outernet como " a versión moderna da radio de onda curta" pola súa capacidade para chegar a toda a poboación, mesmo aos "máis de tres mil millóns de persoas excluídas polo custo, a xeografía ou a xurisdición".

O director do proxecto aposta por "sortear a censura, asegurar a privacidade e ofrecer a todo o mundo acceso global á información"

Outernet é o maior proxecto deste fondo investidor e non é altruísta. Necesita pór en órbita milleiros de satélites diminutos que serán os encargados de transmitir a información aos usuarios, a cambio asegúrase a súa independencia dos operadores locais. Harlan Mandel, director de MDIF, cre que ese é o xeito de "sortear a censura, asegurar a privacidade e ofrecer a todo o mundo acceso global á información".

Que se vai a poder ler en Outernet

A versión inicial de Outernet expúxose como un feed de contidos, é dicir, un fluxo de datos unidireccional no que o usuario é mero consumidor do que se ofrece. Os seus creadores decláranse partidarios do software libre e dos contidos con licenza Creative Commons, por iso o primeiro que vai estar dispoñible é contido que xa é público.

O material planificado divídese en catro categorías:

- información e noticias,

- contido educativo como o que ofrece Mestres sen Fronteiras,

- aplicacións como Wikipedia, Open Street Maps ou Ubuntu

- e un sistema de alerta en caso de emerxencias e desastres naturais. "Outernet vai aumentar as opcións de que calquera acceda a información ou noticias dixitais" comenta Karim, que confía en que este proxecto facilite "un acceso maior ás oportunidades e á educación que calquera outra cousa existente até o momento".

A idea inicial é que a comunidade poida facer propostas e escoller que novos materiais van ser subidos á rede

Para o que si conta a xente conectada é para a selección de contido porque a idea inicial é que a comunidade poida facer propostas e escoller que novos materiais van ser subidos á rede. Haberá varios métodos para votar desde internet ou con teléfono móbil. Tamén vai ser relevante o tráfico xerado porque cada visita conta para crear unha "lista de prioridades de información".

Como funciona Outernet

Para o usuario a única barreira é o hardware. Con calquera dispositivo que soporte WiFi vai poder recibir o sinal de Outernet en calquera parte do mundo, independentemente de que haxa ou non cobertura telefónica ou de que pague subscrición a unha rede de datos. De aí o seu paralelismo coa radio de onda curta.

Esta cobertura total conséguese a través da difusión das ondas desde nanosatélites distribuídos por todo o contorno do planeta. MDIF conta coa NASA estadounidense para pór en órbita unha constelación de CubeSats, pequenos emisores duns 10 centímetros cúbicos ou derivados que fabrican e utilizan multitude de universidades, xa que as instrucións de fabricación son libres. Todo ese despregamento corresponde a unha segunda parte do proxecto porque ao principio esperan funcionar a través dos satélites comerciais convencionais.

O inconveniente é que, polo menos nesta primeira fase, vaise tratar só dunha canle de comunicación unidireccional

Tamén haberá facilidades para os receptores. O equipo de software está a enfocar o desenvolvemento a lograr que a transmisión dos paquetes de datos se realice en bucles, así non se perde o contido xa descargado por intermitencias no sinal.

O inconveniente é que, polo menos nesta primeira fase, vaise tratar só dunha canle de comunicación unidireccional. O receptor poderá acceder aos contidos facilitados por esta rede pechada para seleccionar entre a oferta pero non vai poder interactuar con outros usuarios ou cos creadores do material. Logralo sería o gran final, pero os seus creadores saben que é demasiado custoso.

Estes son os grandes trazos dun proxecto que practicamente acaba de empezar. O responsable de Outernet, Syed Karim, respondeu para Diario Turing 10 preguntas sobre Outernet que tocan outros aspectos relacionados co financiamento, a seguridade ou a división rexional.

Quen pode acceder a Outernet?

Outernet está a construírse como un servizo de información accesible globalmente para que todo o mundo sexa capaz de utilizalo. A información transmitida vai estar totalmente desencriptada, dunha forma semellante ao funcionamento do GPS.

Que equipo é necesario para conectarse?

"Nos seus primeiros pasos, Outernet recibirase por receptores DVB-S"

As especificacións para o hardware serán públicas. Nos seus primeiros pasos, Outernet recibirase por receptores DVB-S. Publicaremos as instrucións explicando como reconfigurar os receptores satélites existentes e tamén venderemos hotspots satelitais que se conectarán directamente a calquera aparello con conexión WiFi.

Quen xestiona o contido, que papel cumpren os usuarios e quen xestiona o que se sobe?

Os usuarios van poder involucrarse colectivamente na selección do contido que se emite. Farase de moitas formas, un pouco como en Reddit. A diferenza está en que non vai ser necesaria unha conexión a Internet para demandar contido como en Internet. Os usuarios van poder facer as súas peticións a través de SMS, de Facebook, 0, Mixit e USSD. Despois, a responsabilidade de subir os contidos aos satélites que difunden a todo o mundo recae en Outernet.

O usuario vai poder filtrar por país ou lingua?

Si

Como se garante a independencia e a neutralidade política do contido?

"Nós non imos crear contido propio, imos difundir o que escolla a comunidade"

Nós non imos crear contido propio, imos difundir o que escolla a comunidade. Se nos désemos conta de que o sistema de votacións está a ser manipulado para marcar unha liña determinada ou por intereses específicos entón desenvolveremos dispositivos de seguridade con medidas preventivas.

Como se financia a posta en marcha do proxecto? Cal é o modelo de negocio para mantelo no futuro?

Todo se financia mediante investimento privado. Dado que se trata dun servizo de difusión aberta de información vai ser clave lograr algún tipo de publicidade. Con todo, non esperamos que sexan anuncios en banners ou publicidade convencional de Internet. Máis ben centrarémonos en lograr contidos patrocinados.

Quen desenvolve a tecnoloxía, quen vai fabricar os satélites e quen os enviará ao espazo?

Estamos a traballar con varios expertos na materia que son parte do proxecto Outernet. Aínda non seleccionamos a distribuidores específicos para cada compoñente e esperamos que gran parte da ensamblaxe final poida ser realizada polo noso equipo. Os CubeSats van ser enviados con misións de despregamentos de satélites máis grandes. A isto chámaselle carga secundaria ou viaxe compartida.

Pode citar algunhas compañías, institucións ou gobernos que desen xa o seu apoio a Outernet?

Por desgraza nestes momentos non podo dar ningún nome.

Porase en marcha en todo o mundo ao mesmo tempo?

A versión inicial, que vai utilizar satélites xeoestacionarios, irase despregando por rexións pero esperamos ter cobertura mundial con sinal de descarga a 2 Mbps nun ano. A constelación de CubeSats irase despregando gradualmente, pero sempre se poderá acceder desde calquera punto. A diferenza é que cuantos máis satélites se engadan á constelación maior será a cantidade de contido dispoñible cada día.

Confiades en poder engadir comunicación bidireccional máis adiante?

Ese é o noso obxectivo pero está moi lonxe aínda xa que a comunicación bidireccional para miles de millóns de persoas é incriblemente cara. A nosa primeira meta é ofrecer un nivel básico de información e de educación a toda a humanidade. Unha vez que o conseguimos avanzaremos cara a un acceso real a internet. Con todo, temos a impresión de que sempre vai haber un oco para a transmisión de información.

Logotipo de Outernet CC-BY-SA Outernet

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.