Percegurú, a web dos percebeiros

Captura de pantalla de Percegurú Dominio Público Praza Pública

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) vén de poñer a disposición do sector percebeiro galego unha ferramenta web na que se poden consultar as condicións oceanográficas e atmosféricas de cada zona concreta do litoral onde se explota o percebe. Chámase Percegurú e ofrece información para cada confraría cunha predición de tres días.

Faino para os períodos de tempo concretos nos que está autorizada a faena, é dicir, desde dúas horas e media antes e ata dúas horas despois da baixamar diúrna, con tope nas 18:00 horas, como establece a lexislación en vigor. Con esa antelación, calquera percebeiro pode coñecer dunha maneira sinxela o horario local das mareas, cal vai ser a temperatura ambiente e da auga coa que se vai atopar, con que intensidade e en que dirección van soprar os ventos, cal é a forza e o estado do mar e datos sobre a dirección, frecuencia e altura das ondas.

A altura que acaden as ondas é o factor determinante para reflectir sobre un mapa o grao de risco que pode supoñer a actividade en cada zona

Precisamente a altura que acaden as ondas é o factor determinante para reflectir sobre un mapa o grao de risco que pode supoñer a actividade en cada zona. Unha luz ou semáforo en verde significa que as ondas non superan os dous metros e cando estas acadan un tamaño entre os dous e os tres metros represéntase con cor ámbar. O mapa destaca en cor vermella as ondas superiores a tres metros.

Captura de pantalla de Percegurú Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.