PP e UPyD impiden que as televisións autonómicas se poidan ver noutras comunidades

Logo da iniciativa © Acció Cultural del País Valencià

Os votos de PP e UPyD impediron a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular de Televisión sen Fronteiras que propuña que as cadeas autonómicas se puidesen ver naquelas comunidades que compartan a mesma lingua, como Catalunya, Valencia e Baleares.

De feito a ILP fora promovida pola entidade Acció Cultural del País Valencià, que reunira máis de 650.000 sinaturas. A entidade denunciou que esta decisión vai “en contra da liberdade de expresión, a pluralidade informativa e o respecto á diversidade lingüística e cultural, ademáis de demostrar ser moi pouco democraticos dándolle as costas ao desexo dos cidadáns que se sumaron a esta iniciativa, sendo algo que no prexudica a ninguén". Acció Cultural del País Valencià engadiu que "é incomprensible que estando no ano 2012 se fagan cousas coma esta, que fan volver no tempo a medidas que se tomaban na ditadura".

"É incomprensible que estando no ano 2012 se fagan cousas coma esta, que fan volver no tempo a medidas que se tomaban na ditadura"

Asi mesmo, emprazou o presidente da Generalitat, Alberto Fabra, a ser “coherente coas súas palabras e, se realmente está en contra da censura de TV3 no País Valencià, como dixo varias veces, permita a reapertura dos repetidores de ACPV para asi volver á situación anterior á censura impulsada por Francisco Camps”.

O deputado popular Ramón Moreno xustificou o seu voto na posa en marcha do Plan do Dividendo Dixital, que abre espazo para a telefonía móbil de última xeración. Pola súa banda, desde o PSOE o deputado Francisco Puig Ferrer puxo de relevo a importancia e o valor das iniciativas lexislativas cidadás, á vez que, en coincidencia con outros grupos, como o Mixto, defendeu a iniciativa en favor do pluralismo lingüístico. Con el coincidiu a deputada do Grupo Catalán (CIU) Montserrat Surroca, quen defendeu unha ordenación do espazo radioeléctrico que protexa as distintas linguas do territorio español. Ricardo Sixto, da Esquerda Plural recordou, como Surroca, a xornada de Diada catalá, e tamén que a iniciativa foi apoiada polas tres academias, galega, catalá e vasca.

Logo da iniciativa © Acció Cultural del País Valencià

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.