Praza Pública bota a andar para "contar o mundo desde Galicia"

O público asistente ao acto observa a web CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

"A Galicia non lle cómpre o silencio". Esta foi unha das afirmacións máis repetidas nos actos que, durante os últimos meses, serviron para presentar Praza Pública por todo o país. E tamén foi reiterada este martes no Museo do Pobo Galego, onde o equipo do novo xornal dixital ofreceu un adianto das súas páxinas e tamén dos valores nos que se asenta.

Tras máis de dous anos de "velorio " pola morte de diversos medios de comunicación galegos e en galego, membros do grupo promotor de Praza, como Filipe Díez e Manuel M. Barreiro, e o equipo xornalístico, encabezado por Marcos S. Pérez, amosáronse "moi ledos" por poder "facer xornalismo" e "contar o mundo desde Galicia". Nun sentido semellante, os xornalistas Lara Graña e David Lombao apostaron por contar "poucos temas, pero ben contados" cada día e sinalaron o "pracer" de "poder traballar" nun medio como Praza, no que a "reflexión pausada" sobre a actualidade permitirá elaborar informacións con maior profundidade.

Entre os asistentes, que encheron o auditorio do Museo e entre os que se atopaban representantes de múltiples sectores da sociedade do país, espertou tanto interese o contido do xornal como o seu deseño e o seu sostemento económico. Neste sentido, na quenda de intervencións, varios deles apostaron por "apoiar" o proxecto de Praza Pública dende o inicio, por ser "necesario" para Galicia, e cualificaron a posta en marcha da web como un "feliz alumeamento".

Unha panorámica de presentación CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.