Que facer se perdes o móbil co WhatsApp aberto

Móbil con WhatsApp © Aquimardel.com

Que ocorre se perdo o meu móbil, sen bloquear, e cunha conta de WhatsApp asociada? A posibilidade é real e a solución non é tan sinxela porque a compañía non ten un protocolo de resposta rápida que poida evitar problemas ao usuario ou usuaria.

Debes saber que unha vez que vinculas un número de teléfono a WhatsApp, a aplicación asocia terminal e número de forma continua, con ou sen o cartón SIM dentro. En realidade, o único para que fai falta o cartón é para contestar o SMS ou a chamada de confirmación no momento de verificación da conta. A partir dese momento xa non será necesario ter o número activo para utilizar este sistema de mensaxería.

Conservar o cartón SIM non serve para nada

Isto significa, por exemplo, que poderías deixar de ter o control sobre un teléfono (por roubo ou perda) coa app de WhasApp asociada á túa conta, aínda que conserves o teu cartón SIM. Se non está bloqueado nin protexido, quen se faga co teléfono podería facerse pasar por ti sen problema, escribir e mandar arquivos aos teus contactos. Neste caso, a solución máis sinxela é volver asociar o teu número a outro teléfono canto antes. Ao tentar lanzar a aplicación no primeiro terminal pedirase realizar de novo a proba de verificación, e quen llo quedou non poderá completala. Así retomarás o control da túa vida en WhatsApp.

A espera eterna

Con todo, pode darse o caso de que non teñas outro teléfono a man para seguir ese proceso ou que non queiras facelo. E, ademais, nesta situación dar de baixa a SIM non serviría de nada. Por tanto, o único que queres é que a túa conta de WhatsApp se desconecte, se desloguee do teléfono extraviado.

O procedemento existe e vén recollido na páxina da compañía, dentro da sección de preguntas frecuentes. Chámase desactivación de conta e, en teoría, tan só require mandar un email ao equipo de soporte indicando o número a dar de baixa. Infórmase, entón, de que estará desactivada durante 30 días e despois pasará a ser borrada se non é reactivada.

O gran problema é lograr que lle presten atención ao teu problema

O gran problema é lograr que lle presten atención ao teu problema. Tras enviar o email, que pode facerse en castelán, pasan varios días ata que o persoal de WhatsApp considera o teu caso. Primeiro, o servizo automático enviarache un email lembrándoche que en preguntas frecuentes están xa resoltas multitude de dúbidas. Varios días máis tarde chegará outro email parecido, tamén de resposta automática, que ademais inclúe algunhas preguntas concretas sobre o teu teléfono que son completamente inútiles para problemas como este, pero que te ves obrigado a responder para que a túa petición non sexa ignorada.

Agora, si, tras responder ese email, unha semana máis tarde alguén do servizo de soporte desactivará a túa conta de usuario. Por fin, tras máis dunha semana coa túa conta en mans de calquera e, por tanto, tamén a túa vida persoal, WhatsApp realiza o seu labor de tramitar unha baixa, un proceso moito máis complicado que o de xestionar unha alta. É certo que había outras formas de suavizar o problema, como bloquear o teléfono con contrasinal ou rexistrarse noutro dispositivo para forzar o peche de sesión do orixinal, pero iso non exime á empresa de ofrecer un servizo de resposta rápida ante un problema de privacidade como este.

Resposta automática tras cinco días de espera CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.