"Que nos dean aos científicos un préstamo de 25.000 millóns como a Bankia"

Juan Luis Arsuaga, codirector do proxecto de investigación dos xacementos de Atapuerca © El Diario

Juan Luís Arsuaga non quere sorrir á cámara. Non quere facelo obrigado, cando menos. “Agora parece que non ser feliz e non sorrir é antisistema”, quéixase. “Parece que pensamos que o que non é feliz algo está a tramar”, engade. O codirector do proxecto de investigación dos xacementos de Atapuerca está de visita no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) para falar sobre a evolución do parto humano, unha peza fundamental no desenvolvemento da intelixencia e na aparición da consciencia, que Arsuaga tratou no seu libro A primeira viaxe da nosa vida.

É esa aparición da consciencia o que fai particular á especie humana e o que o empurra a facerse preguntas fundamentais sobre a súa existencia. Unhas cuestións que, ás veces, poden facer máis difícil o sorriso. Para axudar a respondelas, máis aló do mito ou a relixión empregadas por millóns de persoas ao longo da historia, os paleontólogos como Arsuaga introducen o papel da ciencia. No CNIO, o investigador cre que se poden atopar boas ideas de colaboración entre quen estudan o cancro e os que se dedican a investigar as nosas orixes, aínda que polo de agora non pode explicitar cales. “Se dixese en que podemos colaborar, seguramente non sería interesante, porque sería previsible”, opina. De momento, as máquinas de secuenciación de ADN do centro de estudo do cancro xa axudan tamén a descifrar o contido do xenoma de seres humanos prehistóricos. Para ver o que poida deparar o futuro, haberá que agardar, porque o científico non sente inclinacións de pitoniso.

"As grandes preguntas están sempre aí. Non teñen máis inquietudes intelectuais ou filosóficas as sociedades ricas que as pobres. Todas teñen as mesmas"

Nunha situación como a actual, na que hai moitos problemas concretos e perentorios, como nos pode axudar a perspectiva que ofrece o estudo de centos de miles de anos da nosa historia e a dos nosos antepasados?

Responde á pregunta fundamental, a de que fago coa miña vida. Esa pregunta é universal, tena o máis rico e o máis pobre. As grandes preguntas están sempre aí. Non teñen máis inquietudes intelectuais ou filosóficas as sociedades ricas que as pobres. Todas teñen as mesmas.

Quizais nunha sociedade rica haxa máis tempo para preocuparse por esas inquietudes filosóficas que noutra onde teñen que concentrarse en sobrevivir.

Pero pola supervivencia tamén se loita na Bolsa. Isto tamén é loita, aínda que paguen ben. Non é tan obvio que canto máis rico sexas, penses máis, nin moito menos. De feito nas sociedades pobres é onde hai máis fanatismo relixioso, que é unha forma de contestar á pregunta.

Unha forma de contestar un pouco brusca e un pouco irreflexiva, quizais?

É a contestación relixiosa á pregunta de por que estamos aquí? Tamén hai respostas míticas, pero non hai ningún pobo da Terra que non teña resposta a esa pregunta. E nós buscamos unha resposta desde a ciencia.

"Hai xente que especula co que vai ocorrer no futuro, eu estou a pensar nos meus fillos. Teño tres fillos, non necesito pensar no futuro da humanidade, bastante teño con pensar no futuro da seguinte xeración que son os meus fillos"

Os seres humanos son conscientes, pero hai investigadores como Lynn Margulis, que comparaba a nosa especie con simples bacterias, incapaces de dominar o impulso biolóxico, que se reproducen con moito éxito até esgotar os recursos do seu ecosistema e despois extínguense. Os humanos, que tamén son unha especie moi exitosa, saberán evitar ese destino que adoitan ter os animais que triunfan?

A desaparición da especie... Eu é que non fago esas especulacións. Hai xente que especula co que vai ocorrer no futuro, eu estou a pensar nos meus fillos. Teño tres fillos, non necesito pensar no futuro da humanidade, bastante teño con pensar no futuro da seguinte xeración que son os meus fillos. Até agora na historia da humanidade sempre houbo violencia, conflito, morte. Sempre. No século XX en Europa houbo dúas guerras mundiais e en España unha guerra civil. Non fai falta pensar no século XXX. A historia é recorrente. Haberá outra? Pois xa vai tocando outra.

A supervivencia da especie Homo sapiens, como tal, non a vexo ameazada, pero eu non teño esas inquietudes tan teóricas. Confórmome con contribuír ao próximo. Eu sempre pensei que a xente que está preocupada por estas grandes cuestións logo ao final non fai nada. No tema do medio ambiente, o lema conservacionista paréceme perfecto: Pensa globalmente, actúa localmente. Está ben o de pensar no Amazonas, pero dese parque de aí quen se está ocupando? E ese regato quen o limpa? Se cadra pensamos moito no Amazonas e logo non limpamos o río que pasa por diante da nosa casa. Eu vexo tanto diso que me volvín moi de actuar localmente.

"Está ben o de pensar no Amazonas, pero dese parque de aí quen se está ocupando? E ese regato quen o limpa? Se cadra pensamos moito no Amazonas e logo non limpamos o río que pasa por diante da nosa casa"

Este punto de vista sobre a especulación e as formulacións teóricas pode chamar a atención vindo de alguén que vive de tratar de entender como vivían uns individuos descoñecidos hai centos de miles de anos.

Ese é o meu traballo profesional, como o que é astrónomo e preocúpase por galaxias afastadas, pero non por iso se desvincula do presente. É máis, o que estuda galaxias afastadas, se ten conciencia, será protagonista do seu tempo e implicarase nos debates do momento e en transformar a sociedade, que é a nosa obriga.

Pero non existe a posibilidade de aprender como vivimos no pasado, para tratar de afrontar mellor o futuro, tamén desde un punto de vista práctico?

Claro que si, a paleontoloxía ensinounos que todos os seres humanos somos irmáns, que todos somos iguais. Paréceche pouca achega? Pero como todo o que me preguntaches é polo futuro do planeta e da especie, o que creo é que o futuro do planeta é limpar ese parque que está cheo de porcallada. Se todos fixésemos iso, habería un futuro. Actuemos localmente. Vexo que todas as túas preguntas son do futuro remoto, e a min preocúpame cada vez máis o río que pasa por diante da miña casa. Por que non falamos da crise do sistema político español?

De acordo. Como ve a situación política de España e da súa ciencia?

Pois agora como hai menos orzamento, peor, iso é fácil.

"A Bankia déronlle 25.000 millóns, teño entendido. E o de que é un préstamo non o creo, porque teño 58 anos. Ou que nos dean un préstamo deses tamén!"

Pero o que están a facer co orzamento que teñen, está ben?

Esa decisión non a sei. Se che reducen o orzamento, é difícil, non sabes se o tes que dedicar aos zapatos ou á camisa... Cando tes pouco diñeiro, todo son problemas.

Pero polo que coñece, faría algo diferente?

Eu, dar máis diñeiro.

Dar máis diñeiro para ciencia sacando diñeiro doutras partidas?

A Bankia déronlle 25.000 millóns, teño entendido. E o de que é un préstamo non o creo, porque teño 58 anos. Ou que nos dean un préstamo deses tamén!

Entón é só unha cuestión de prioridades. Podería haber máis diñeiro para ciencia, pero decídese non dedicalo a iso.

Alguén o dubida?

A secretaria de Estado de Investigación di que a situación é difícil e que non hai máis.

A secretaria de Estado di que non lle dan máis a ela. Ela reparte o que lle dan a ela. O diñeiro non o ten ela, teno Montoro. En calquera caso, eu creo que o orzamento de ciencia non debería ser recortado. E non só o creo, senón que escribín unha carta a Moncloa o ano pasado. Non me podo desdicir diso.

"Farase menos ciencia, porque é como un coche, se non ten gasolina, non anda, e logo, como o propio coche, irase deteriorando, porque hai que cambiar as pezas. De mal a peor. E ao final o coche non irá a ningún lado"

Que consecuencias cre que poden ter estes recortes en ciencia?

Para empezar, farase menos ciencia, porque é como un coche, se non ten gasolina, non anda, e logo, como o propio coche, irase deteriorando, porque hai que cambiar as pezas. De mal a peor. E ao final o coche non irá a ningún lado.

A situación é realmente tan distinta á doutros países, como EEUU, onde tamén hai unha preocupación importante polas últimas medidas do Goberno respecto da ciencia?

Vouche dicir unha cousa, dunha cousa que non sei nada é de política científica. Non sei nada dos orzamentos, non sei as cifras, non sei nada de nada. Son un paleontólogo que sabe de fósiles. O único que sei é que hai menos diñeiro e que polo tanto a xente reséntese, repóñense menos prazas das que marchan do sistema, non entra nova xente... Mal.

Juan Luis Arsuaga, codirector do proxecto de investigación dos xacementos de Atapuerca © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.