Reivindican a "invisibilizada" táboa periódica que deixou de publicarse polo veto á lingua galega nas ciencias

Versión da táboa periódica en galego, publicada no ano 1999 ©

O pasado 15 de marzo, coincidindo co 150 aniversario da creación da Táboa Periódica, presentouse unha edición en galego da táboa realizada coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o grupo de investigación da USC CienciaNOSA, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega de Ciencias e a Real Academia Galega. Anunciouse, ademais, que se distribuirán 13.000 exemplares desta táboa "entre a comunidade científica e educativa", a pesar de que o ensino en galego das materias de ciencias (entre elas Física e Química) non está permitido polo Decreto de Plurilingüísmo aprobado no ano 2010 polo Goberno do Partido Popular.

Deixaron de publicala "porque o Decreto do plurilingüismo, da mesma Secretaría Xeral de Política Lingüística, prohíbe dar a Química, as Matemáticas e a Tecnoloxía en galego na ESO"

Así mesmo, destacouse que a publicación e distribución desta edición en galego da táboa periódica constituía "un fito" para o idioma e que era a primeira ves que este documento era traducido e publicado na lingua propia do país. 

Porén, hai máis de 20 anos, en 1998 Edicións Obradoiro fixo unha edición en galego da táboa periódica, en colaboración coa Universidade de Vigo, que repartiu "masivamente" nos centros de ensino, unha táboa que foi reeditada en 2002 engandindo algúns elementos novos. O equipo impulsor desta edición pioneira destaca que deixaron de publicala "porque o Decreto do plurilingüismo, da mesma Secretaría Xeral de Política Lingüística, prohíbe dar a Química, as Matemáticas e a Tecnoloxía en galego na ESO".

A profesora Pilar Rodríguez Seoane ©

Pilar Rodríguez Seoane, profesora de Química Inorgánica da Universidade de Vigo, xa xubilada, foi a responsable desta primeira táboa periódica en galego e non oculta o seu malestar pola "invisibilización" á que as institucións que agora veñen de publicar esta edición someten a aquela iniciativa.

Pilar Rodríguez Seoane non oculta o seu malestar pola "invisibilización" á que as institucións que agora veñen de publicar esta edición someten a aquela iniciativa pioneira

"A primeira versión en galego da Táboa Periódica, da que son autora, publicouse, seguindo as normas da IUPAC, en 1998 en Edicións Obradoiro-Santillana coa colaboración da Universidade de Vigo", destaca, lembrando que ademais da reedición de 2002, posteriormente a Universidade "volveu publicar dúas novas edicións nos anos 2008 e 2013". Sinala ademais que esta edición "continúase actualizando" e que "para conmemorar o 150 aniversario da publicación en 1869 da primeira versión feita por Dimitri Mendeleiev, dende o comezo do actual curso académico está exposta unha táboa periódica de grandes dimensións na entrada principal da Facultade de Química da Universidade de Vigo".

A edición en galego da táboa foi publicada, ademais, na revista 'Anales de la Real Sociedad Española de Química', en 1999 ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.