"Se a economía social evoluciona ao mesmo ritmo que software libre, en dez anos veremos un mundo moi diferente"

Unha das ponencias © @franbande

A Libre Software World Conference abriuse este xoves na Cidade da Cultura cunha gran presenza de público en todas as sesións e un grande interese nas intervencións de Bruce Perens, fundador de la Open Source Initiative, Júlio Cezar Neves, asesor do presidente do Servizo Federal de Procesamento de Datos (Serpro) do Goberno de Brasil ou Christian Felber, creador e promotor do concepto de Economía do Ben Común. Trátase da terceira edición da LSWC, un dos eventos dedicados ao software libre máis importantes de todos os que se celebran no mundo. E nesta ocasión celébrase en Galicia coa organización de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre).

As xornadas, que se pecharán este venres, tentan afondar nunha filosofía e nun modelo de negocio moi particular, ligado á economia social e aos valores da liberdade do usuario e que cada vez abrangue a máis empresas e xera máis ingresos e postos de traballo. Tamén en Galicia, onde AGASOL agrupa xa a 29 empresas e 300 traballadores de alta cualificación. Falamos co seu presidente, Alejandro Escobar, responsable tamén da LSWC 2012, que destaca que "é incrible xuntar 325 persoas para escoitar falar e debater sobre software libre" e salienta que "hai xente moi variopinta, de moitos sectores distintos e todos moi interesados polos temas que aquí se tratan: tanto o software libre coma a economía do ben común".

Esta LSWC procura ampliar a visión sobre o software libre, facer ver a súa dimensión social e económica alén da tecnolóxica. Estades satisfeitos do resultado final?

Tentamos darlle un enfoque máis didáctico e tratar todos os ámbitos, tanto o da empresa, coma o da administración, coma o do usuario privado. Queremos introducir a todo o mundo, moito máis aló dos programadores, queremos facer ver que o software libre está rompendo a barreira de código a empresa e de empresa a sociedade civil. E que realmente se está formando unha economía social e unha economía do ben común en base á mesma filosofía inicial que tiña o programador cando todo isto xurdiu. Se todo o mundo evolucionara tanto coma evolucionou o software estariamos vivindo un enorme cambio mundial. Se agora a economía social evoluciona a ese mesmo ritmo en dez anos estaremos vendo un mundo completamente diferente.

"Se todo o mundo evolucionara tanto coma evolucionou o software estariamos vivindo un enorme cambio mundial. Se agora a economía social evoluciona a ese mesmo ritmo en dez anos estaremos vendo un mundo completamente diferente"

Avanzouse máis no sector privado ou na administración? Bótase en falta un meirande impulso por parte do sector público?

Na empresa privada isto tómase como unha cuestión económica máis e triunfa a opción de non pagar licencia e sobre todo de tentar reutilizar código que xa estea feito. O software que lle vale a un panadeiro en Andalucía válelle a un panadeiro en Galicia. Esa reutilización triunfa moito nas pemes. A administración debería levar a dianteira na reutilización do código e vemos que non é así: tanto a administración central coma a autonómica non están á altura ningunha delas, están tendo visión global de reutilización de código que deberían. Ninguén concibe que a policía non teña os datos dunha persoa nunha comisaria e si os teña noutra, pero si que sucede que os datos médicos que ten o meu centro de saúde non os teñen nun hospital de Andalucía se vou alí. E iso pasa porque cada comunidade fai concursos para encargar a construción das súas bases de datos en vez de utilizar os códigos xa creados. Poderiamos aforrar millóns de euros.

"A administración debería levar a dianteira na reutilización do código e vemos que non é así: tanto a administración central coma a autonómica non están á altura"

O software libre é un ecualizador? Permite competir a empresas pequenas coas grandes a rexións periféricas con Estados centrais?

É unha gran vantaxe para as pequenas empresas dende logo ao ser capaces de adoptar software estándar moi probado e isto dálles ás empresas pequenas unha dimensión que non teñen. Antes para ter SAP tiñas que ter unha dimensión xigantesca. Pero hoxe está dispoñible para empresas de moi pequeno tamaño e poden así competir no mesmo mercado que as grandes e á vez créase un tecido local de adaptación dese software xerando emprego de calidade. En AGASOL somos 29 empresas e 300 traballadores de alta cualificación que facemos proxectos moi distintos: dende sistemas de control de afogamentos até portais corporativos ou software para teléfonos móbiles. E iso faise dende Galicia e vendémoslle coñecemento a empresas moi importantes coma Nokia. E todo é grazas a ter acceso a ese código.

"En AGASOL somos 29 empresas e 300 traballadores de alta cualificación que facemos proxectos moi distintos"

Está infravalorado o sector en Galicia sobre todo tendo en conta a súa capacidade de crecemento?

Hai moitos modelos distintos de software libre, tantos coma persoas e proxectos. Hai modelos que son moi rendibles e outros que ao final non triunfan. Non hai fórmulas pechadas nin máxicas, tes que adaptarte ao contexto en cada caso.

Unha das ponencias © @franbande

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.