Somos conscientes do dano causado polos nosos smartphones ou ordenadores?

A taxa de reciclaxe nos móbiles sitúase por debaixo do 5% CC-BY-NC Josh Bancroft

Este ordenador ou dispositivo móbil co que estás lendo esta nova, ou o smartphone que tes ao teu carón son dispositivos electrónicos, cun proceso de fabricación e distribución complexo, con grandes prexuízos para o medio ambiente e tamén para os traballadores que o compuxeron, case sempre en condicións laborais non aceptables en occidente. Ademais, ben pola coñecida obsolescencia programada, ben porque simplemente nos gusta (ou somos empurrados pola publicidade a facelo), substituiremos ese mesmo aparello moi pronto por outro, non preocupándonos moito polo lugar onde serán depositados os seus restos. Somos conscientes deste proceso? Hai alternativas para utilizar de xeito ético a electrónica?

"É moi difícil conseguir algo que sexa realmente xusto ou ético. O negocio é moi complexo e a trazabilidade dos materiais é difícil. O primeiro paso sería ser conscientes do ciclo"

Entidades como Enxeñeiros sen Fronteiras levan anos amosando unha gran preocupación por estes temas, sinalando a mala praxe de moitas empresas e ofrecendo algunhas solucións. De igual xeito, esta semana Pepe Vara, de Equo-Galicia, ofreceu na Coruña unha charla sobre Ética Electrónica, na que puxo o énfase, sobre todo, en se os consumidores somos conscientes dos procesos económicos que están na base da produción de aparellos electrónicos e das súas consecuencias. "Pensamos que falta conciencia do que realmente implica cambiar de móbil ou mercar unha tablet ou un ordenador. É moi difícil conseguir algo que sexa realmente xusto ou ético. O negocio é moi complexo e a trazabilidade dos materiais é difícil. O primeiro paso sería ser conscientes do ciclo. Se somos conscientes deles, despois que cada un decida o que crea conveniente", di. 

Os minerais empregados na electrónica, ademais, están decote asociados a conflitos armados

Vara explica que "perdemos de vista a orixe dos materiais que os compoñen, moitas veces minerais extraídos en países con condicións laborais pésimas, e condicións laborais igualmente malas para as persoas que deben fabricar os aparellos, como están saíndo agora á luz cos conflitos en Apple e outras empresas". Varios traballadores da subcontrata chinesa Foxconn, que traballaba para a compañía da mazá, suicidáronse, o que levou a empresa a revisar as condicións do contrato. Os minerais empregados na electrónica, ademais, están decote asociados a conflitos armados, por exemplo os que se rexistran na República Democrática do Congo, onde se concentra o 80 por cento das reservas mundiais de coltán. A loita polo control destes xacementos provocou arredor de cinco millóns de mortos nos últimos 15 anos.

"Son guerras que están promovidas para manter a inestabilidade da zona e que as empresas se poidan aproveitar", explica Vara. Segundo un informe da consultora Oekom, as empresas tecnolóxicas son as que meirande abusos laborais rexistran, por diante do téxtil; e serían ademais as fabricantes de teléfonos móbiles as empresas menos éticas entre todas.

En España só se trata axeitadamente, levándoo a puntos limpos, o 30% de todo o lixo tecnolóxico

Outra fase deste proceso é o propio uso. Segundo Vara, o 7% da enerxía que cada día se consume no mundo é responsabilidade de operacións electrónicas. E a fase definitiva é o final da vida deste tipo de produtos. En España só se trata axeitadamente, levándoo a puntos limpos, o 30% de todo o lixo tecnolóxico. O resto nin se recupera nin se recicla e directamente acumúlase en vertedoiros, causando un prexuízo dobre. O primeiro, directo, pois en moitos casos trátase de materiais moi contaminantes. E o segundo é un prexuízo indirecto, pois o feito de que non se reutilicen os metais e os minerais (nalgúns casos moi difíciles de obter), obriga a redobrar a súa procura en minas e xacementos, incrementado os males xa comentados.

 

Que podemos facer como consumidores?

Vara sinala que nese caso as institucións teñen moito que dicir obsolescencia programada, e que os consumidores deberían esixir que as leis obrigasen a aumentar o tempo das garantías

Segundo Enxeñeiros sen Fronteiras, electrónica ética é aquela que cumpre unha serie de requisitos considerados eticamente correctos, tanto na fase de extracción como de fabricación, e na que se promova a reutilización e a reciclaxe de produtos. Tamén no uso, evitando a obsolescencia programada. Vara sinala que nese caso as institucións teñen moito que dicir, e que os consumidores deberían esixir que as leis obrigasen a aumentar o tempo das garantías, ou a que as empresas tivesen que substituír os equipos defectuosos, ou que as reparacións fosen máis económicas do que son agora.

Outra das esixencias concretas que as administracións deberían atender, segundo Vara, é a de que as compras de aparellos electrónicos por parte de institucións públicas cumprisen con certos criterios éticos. Ademais, os concellos deberían mellorar os procesos de recollida selectiva, facendo campañas para promover o uso dos puntos limpos.

Hai ademais algunhas iniciativas concretas, como Make IT Fair (que informa sobre o impacto producido polas fabricación destes aparellos) ou Fairphone, que se propón crear un teléfono móbil no que se garanta ao máximo a ética ou xustiza na súa produción. De igual xeito, Greenpeace leva a cabo unha clasificación das empresas máis verdes e respectuosas co medio, na que destaca Wipro, moi por diante de HP, Nokia ou Acer, e que pechan RIM e Toshiba.

"Podemos mudar os nosos hábitos. Non é necesario ter sempre o último modelos. Hai certas estratexias publicitarias que fomentan o consumismo que crean necesidades falsas e que aseguran o mantemento deste ciclo"

Vara destaca a importancia de protestar ante as propias compañías, sinalando que empresas como Samsung ou Apple mudaron certos procesos nos últimos tempos por mor do malestar xerado por algunhas informacións sobre malas prácticas. E sinala, ademais, "podemos mudar os nosos hábitos. Non é necesario ter sempre o último modelos. Hai certas estratexias publicitarias que fomentan o consumismo que crean necesidades falsas e que aseguran o mantemento deste ciclo".

Campaña de Enxeñeiros sen Fronteiras Dominio Público Enxeñeiros sen Fronteiras
O lixo electrónico crece cada ano, e acumúlase nos vertedoiros Dominio Público Praza Pública
A taxa de reciclaxe nos móbiles sitúase por debaixo do 5% CC-BY-NC Josh Bancroft

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.