Trivial en todas as comarcas!

Imaxe do 'Trivial da Terra' Dominio Público Praza Pública

O Trivial da Terra é unha aplicación para móbiles e tabletas con Android, baseado no popular xogo de preguntas e respostas e centrado, polo de agora en Melide e a súa comarca. Pero en pouco tempo poderemos atopar versións adaptadas a outras comarcas galegas. Ese é, cando menos, o obxectivo de Xesús Freire, impulsor da aplicación dende os servizos de normalización lingüística da comarca de Melide.

En 2010 Xesús Freire traballaba no SNL do Concello de Santiso, que funciona en coordinación cos sevizos de Melide e Toques e dos centros de ensino da comarca, "unha coordinación moi positiva, porque moitas veces bótase en falta o traballo conxunto entre estes servizos", destaca. Xurdiu a idea de desenvolver un Trivial con preguntas ligadas á comarca, pensando na difusión lingüística e tamén en incrementar o coñecemento de rapaces e rapazas sobre a súa comarca. Nun comezo pensouse nun xogo de mesa, en formato tradicional, pois as aplicacións para dispositivos electrónicos aínda non tiñan o carácter masivo que si teñen na actualidade. O adiamento nos prazos fixo que o xogo acabase sendo adaptado a unha aplicación móbil para Android.

O xogo está destinado moi especialmente a rapaces e adolescentes, aos centros de ensino, "sobre todo para que accedan de maneira lúdica a contidos e temas polos que non se interesarían doutro xeito"

Consta de máis de 200 preguntas, divididas en cinco categorías: Historia, Arte, Cultura e Sociedade, Personaxes Célebres e Medio, con temas ligados aos concellos de Melide, Toques e Santiso. Porén, Freire leva uns meses percorrendo o país, propoñendo en distintas comarcas e concellos a adaptación do xogo a eses lugares, mantendo a estrutura e a metodoloxía e creando novas preguntas para cada comarca. Calcula que o ideal sería contar cun corpus de 500 preguntas para unha comarca pequena ou media de dez mil habitantes, e os proxectos poderían financiarse ao abeiro do programa europeo Leader e dos seus Programas de Desenvolvemento Rural. Afirma que está a recibir unha resposta moi positiva en todos os encontros que mantén, e que os proxectos poderían comezar a materializarse en 2014.

O xogo está destinado moi especialmente a rapaces e adolescentes, aos centros de ensino, "sobre todo para que accedan de maneira lúdica a contidos e temas polos que non se interesarían doutro xeito". E, entre outras actividades, xa se está organizando un campionato de trivial para colexios e institutos. Tamén se busca "promover o uso do galego no campo da novas tecnoloxías" e "desterrar prexuizos sobre o uso das novas tecnoloxías entre a mocidade", ademais de dar a posibilidade de que as persoas que están fóra da súa comarca participen nesta comunidade e recuperen o contacto coas súas orixes.

Entre as melloras que prepara para o xogo, ademais da incorporación de máis preguntas e de novas comarcas, están a posibilidade de xogar en liña e de incorporar novas preguntas e respostas a través dun formulario que se colgará no seu sitio web

Entre as melloras que prepara para o xogo, ademais da incorporación de máis preguntas e de novas comarcas, están a posibilidade de xogar en liña e de establecer clasificacións de usuarios entre todas as versións do xogo, a opción de incorporar novas preguntas e respostas a través dun formulario que se colgará no seu sitio web. Tamén se podería incluír unha versión para iPhone e iPad: "escollemos Android porque ten unha penetración do 90% en Galicia, e moito máis no público ao que máis nos diriximos: rapaces e mozos nas escolas e institutos. E ademais porque queremos facer unha defensa do software libre e Apple funciona con sistemas privativos. Pero se os Concellos queren adaptar o xogo para iPhone e iPad, buscaremos un programador para ese sistema operativo", destaca Xesús Freire.

Imaxe do 'Trivial da Terra' Dominio Público Praza Pública
Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.