Un 14 de xuño para "salvar a investigación"

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

Mobilizacións en toda España protestarán este venres polos recortes en I+D+i, nunha convocatoria lanzada polo colectivo Carta por la Ciencia. En Compostela está convocada unha concentración na Praza do Obradoiro ás 12 horas. A nova carta engádese á difundida o pasado ano, e que recolleu o apoio de máis de 40.000 científicos e tecnólogos procedentes da gran maioría das universidades e centros de investigación españois. No texto destácase que no último ano os feitos só "agravaron o penoso escenario que denunciábamos". 

No texto destácase que no último ano os feitos só "agravaron o penoso escenario que denunciábamos"

A convocatoria céntrase na redución do orzamento de I+D+i en España, un 40% menos dende 2009. E salíéntase, por exemplo que o orzamento total para investigación este ano é de 5.932 millóns de euros, mentres que os cartos públicos destinados a Bankia ascenden a 22.424 millóns de euros. Tamén se destaca a redución dos fondos destinados a bolsas e contratos de investigación: un 20% menos para os programas FPU/FPI neste 2013, xa recortados nos exercicios anteriores e que se foron resolvendo con moito atraso.

Tamén se denuncia que os contratos Ramón y Cajal y Juan de la Cierva se reduciron un 30% na última convocatoria. E lembran que "por cada 10 investigadores que se xubilan só está permitido crear un posto". Destácase igualmente que ningún dos proxectos do Plan Nacional aprobados en decembro de 2012 recibiron nin un só euro e que polo de agora aínda non hai convocatoria de proxectos de Plan Nacional para o ano 2013. Conclúese que "de non facerse de maneira inmediata, un terzo dos investigadores quedará sen recursos durante 2014".

Salíéntase que o orzamento total para investigación este ano é de 5.932 millóns de euros, mentres que os cartos públicos destinados a Bankia ascenden a 22.424 millóns de euros

Ao igual que na primeira das cartas pola ciencia, destácase que "a única saída viable á crise que afecta a nosa sociedade" ten na "ciencia e a tecnoloxía" os seus "elementos básicos". E alértase de que "de non adoptarse un cambio de rumbo, a actual situación pode derivar na ruina do sistema científico español e dos recursos humanos e institucionais dos que nos dotamos ao longo dos últimos 30 anos". Engádese que "asistimos ao desmantelamento dun sistema que custou décadas crear e á ameaza do abandono de liñas de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico que son punteiras".

A carta critica que "ante esta situación, o Goberno insiste na súa política de facer máis con menos que foi duramente criticada a nivel internacional e que demostra unha irresponsable maneira de eludir os seus compromisos e responsabilidades". O texto está apoiado pola Confederación de Sociedades Científicas de España, a Conferencía de Rectores de Universidades Españolas, a Federación de Jóvenes Investigadores, a Plataforma Investigación Digna, CCOO e UGT.

O acto central terá lugar en Madrid cun acto público de presentación da nova Carta pola Ciencia

O acto central terá lugar en Madrid cun acto público de presentación da nova Carta pola Ciencia, que se celebrará no Salón de actos da Sede Central do CSIC. A seguir haberá unha manifestación dende la Sede Central do CSIC até o Ministerio de Economía, onde se entregarán as sinaturas de apoio á carta. Tamén se creou o hashtag #14Jporlaciencia para apoiar o evento a través de twitter.

Cartaz da mobilización © Carta Abierta por la Ciencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.