Un proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido por estudantes pontevedreses é o gañador absoluto da Galiciencia 2019, a maior feira científica de Galicia, pola que pasaron máis de dúas mil persoas entre o mércores e o venres. A proposta de Nuno Sinde e Pedro Fernández, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, de combater esta especie invasora usando fungos foi o mellor valorado.
Nuno Sinde e Pedro Fernández partiron da idea de buscar un axente natural para controlar a invasión deste insecto; neste caso, un fungo
Nuno Sinde e Pedro Fernández partiron da idea de buscar un axente natural para controlar a invasión deste insecto. O controlador natural testado con éxito polos alumnos é un fungo, o Cordyceps militaris, que, segundo comprobaron, pode inocularse nos niños das avespas e alimentarse das quitinas das súas larvas, reducíndose así a súa poboación e evitando o uso de insecticidas químicos. Os estudantes propoñen o seu uso en todo o suroeste francés, o norte de España e o norte de Portugal, especialmente nas súas zonas húmidas, que é onde a velutina se instalou grazas a unha perfecta adaptación ao clima atlántico europeo.
O segundo premio correspondeulle a un sistema de acendido intelixente para vehículos acoplado a un alcoholímetro, que evita que persoas cunha taxa superior á permitida poidan conducir ebrias bloqueando automaticamente, e sen opción a manipulalo, o arrancado do motor.
Os 50 proxectos que competiron polo premio final foron seleccionados entre un total de 134, un récord absoluto sobre o máximo de 83 rexistrado ata agora. A alimentación saudable, a mellora calidade de vida, a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental protagonizaron gran parte dos proxectos expostos.
Un ano máis, o evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).