Un punto de encontro para os profesionais de Internet en Galicia

Cartaz do acto de presentación © SociedadeNet.org

Son moitas as persoas que traballan en ámbitos relacionados con Internet e as TIC. Moitas destas profesións, dende a programación, o deseño gráfico, o marketing online, o hosting, o socialmedia ou a xeración de contidos para a web pertencen a campos ben distintos, pero a coincidencia no soporte fai que teñan necesidades, problemas e oportunidades comúns. Porén, a pesar de que moitas destas novas profesións non son tan novas e acumulan xa anos de desenvolvemento, até agora non foron moitas as entidades creadas para a defensa dos seus intereses.

Nace como "punto de encontro en común", fomentando "a colaboración en lugar da competencia á que estamos acostumados", segundo os seus promotores

Este xoves preséntase na Coruña Sociedadenet.org, plataforma de profesionais de Internet en Galicia, que nace como "punto de encontro en común", fomentando "a colaboración en lugar da competencia á que estamos acostumados", segundo os seus promotores. Esta entidade quere ser "unha nova forma de relacionarse entre nós e velar polos nosos intereses e futuro da profesión" e tamén "dar a coñecer ao público xeral o valor dos nosos servizos coma profesionais del sector".

A plataforma ten entre os seus primeiros obxectivos organizar eventos "que favorezcan a formación de profesionais del sector", así como ofrecer "charlas de interese xeral como medio de ensino do noso mundo (das webs, social media, programación etc.)". "Con isto" -explican- "queremos que a xente valore máis os traballos que realizamos os profesionais do sector, mediante o coñecemento dos traballos que desempregamos e as diferencias entre os distintos servizos disponibles no mercado. Porque non é o mesmo un servizo de webs semigratuítas, por exemplo, que un bo traballo de deseño e programación. É importante que a xente aprenda a diferenciar os servizos da misma forma que coñecen a diferenza entre un 600 e un Ferrari".

"Non é o mesmo un servizo de webs semigratuítas, por exemplo, que un bo traballo de deseño e programación. É importante que a xente aprenda a diferenciar os servizos da misma forma que coñecen a diferenza entre un 600 e un Ferrari"

Os seus promotores destacan que "sempre é bo poñer en común o día a día dos distintos profesionais do sector, xa que axuda a clarificar os nosos problemas, retos e oportunidades, pero tamén porque é unha especie de terapia de grupo entre nós: falar do que nos preocupa e tentar saír adiante propoñendo solucións colectivas". "Varias mentes xuntas traballan mellor que pensando o mesmo por separado", conclúen.

A plataforma presentarase este xoves ás catro da tarde no Salón de Graos da Facultade de Informática da Coruña, a través dunha charla ofrecida por Andrés Martínez Ortiz, director do programa para desenvolvedores externos de Google España e Adrián Álvarez (HymediaSolutions), experto en BitCoin, que analizará o proceso de creación desta moeda criptomoeda virtual e da súa actualidade máis recente. Andrés Martínez falará sobre a relación de Google coa súa comunidade de desenvolvemento, as oportunidades que ofrece e os eventos e formación que a plataforma achega a quen desexe entrar no programa. A entrada é de balde, e a segui prevese continuar o evento cunha xornada de networking na cafetaría da facultade.

Cartaz do acto de presentación © SociedadeNet.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.