Un sistema antikamikazes para autoestradas, primeiro premio de Galiciencia

Foto de familia con algúns dos alumnos participantes en Galiciencia © Tecnópole

Galiciencia pechou a súa edición 2013 despois de tres días de actividades que reuniron máis de dúas mil persoas en Tecnópole, en Ourense. Ademais das conferencias e demostracións realizadas por profesores e científicos, o máis destacado de Galiciencia é todos os ano a presentación de experimentos e proxectos realizados por alumnos e alumnas de centros de ensino, un total de 50 nesta edición. 

O sistema de alerta de acceso en contrasentido en autoestrada é unha proposta que, segundo os seus creadores, podería ser implantada en toda a rede viaria cun custo moi asequible

Nesta ocasión o gañador foi un proxecto dun sistema antikamikazes para autoestradas, realizado por Xosé Lois Chorén e Unai Ansedes, do IES Xoán Montes (Lugo), que se impuxo na súa categoría de idade (2º ciclo de ESO) e tamén nas votacións globais. O sistema de alerta de acceso en contrasentido en autoestrada é unha proposta que, segundo os seus creadores, podería ser implantada en toda a rede viaria cun custo moi asequible. O obxectivo é avisar aos condutores que accedan por sentido contrario a unha autoestrada por erro, despiste ou deficiente sinalización vertical. Basicamente consiste no repintado das liñas brancas actualmente existentes no firme con pintura fotoluminiscente e en relevo (para producir sonoridade). A nova pintura fará que as liñas se vexan de cor branco no sentido correcto da marcha, pero se se entrara en dirección contraria veríase de cor vermella xa desde o mesmo punto de intersección desde a estrada de acceso.

Na categoría de Bacharelato a gañadora foi Alba Fernández, do IES Julio Prieto Nespereira (Ourense), co seu respaldo intelixente. Durante estes tres días foron moitos os que se sentaron no seu prototipo de cadeira para comprobar como, ante unha postura non axeitada das costas, se acendían os pilotos luminosos de alerta. Segundo a inventora, o seguinte paso é incorporar unha alerta de sonido. Dado que o seu proxecto se orienta sobre todo a centros escolares, a súa idea é que o sonido se emita nunha frecuencia moi baixa que os adultos non perciben, pero si os máis novos.

Os gañadores na categoría de 1º ciclo da ESO, Marieta Orol e Carlos López, do Centro Educativo Galén, tamén de Lugo, presentaron un completo proxecto nun stand que chamou a atención dos visitantes pola súa excelente presentación. Os alumnos realizaron unha investigación da súa contorna para identificar e recoller plantas das que poder extraer aceites esenciais co obxectivo de elaborar un perfume ecolóxico que todos os que pasaron pola Galiciencia puideron ulir. 

Ademais da exposición de proxectos, Galiciencia contou cunha ampla oferta de actividades paralelas que incluíron unha exposición e talleres para conmemorar o Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga, ademais dun espectáculo retransmitido en streaming sobre a base científica dos poderes dos superheroes de cómic.

Gañadores do primeiro premio desta edición de Galiciencia © Tecnópole

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.