Hai uns meses o grupo Xuvenciencia do Campus lucense da USC (Campus Terra) lanzaron a enquisa ‘A ciencia como profesión’, na que participaron preto de 700 estudantes de ensino medio pertencentes a 31 centros educativos de Galicia. Esta iniciativa, ao abeiro da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, buscaba reflexionar sobre os estereotipos e os prexuízos de xénero nas carreiras científicas. Hai uns días Xuvenciencia comezou a debullar as conclusións tiradas dos resultados da enquisa, que amosan que a elección do futuro profesional e das hipotéticas carreiras científicas da mocidade actual está influenciada en gran medida polos estereotipos sociais e polos prexuízos de xénero.
A enquisa conclúe que a elección do futuro profesional e das hipotéticas carreiras científicas da mocidade actual está influenciada en gran medida polos estereotipos sociais e polos prexuízos de xénero
A enquisa, na que colaboraron docentes de secundaria que participaran en anos anteriores en actividades organizadas por Xuvenciencia, foi respodida por alumnado de 3º de ESO, 4º de ESO, 1º de BAC, 2º de BAC, Ciclo Medio de FP e Ciclo Superior de FP. Entre eles e elas foron máis as rapazas que contestaron que se imaxinaban a si mesmas nun futuro cun emprego relacionado coas ciencias. De feito, en Bacharelato, a porcentaxe chegaba case ao 50%, fronte ao 37,5% dos seus compañeiros, demostrando unha maior vocación polos estudos e profesións cientifico-técnicas entre as mulleres.
"Elas realizan unha escolla vocacional e consciente e eles optan por itinerarios científicos porque é o que se dá por feito que deben estudar", destacan en Xuvenciencia
Para o equipo de Xuvenciencia, tendo en conta que boa parte dos participantes na actividade xa cursan liñas científico-experimentais ou tecnolóxicas, "enténdese que elas realizan unha escolla vocacional e consciente e que eles, aínda que na súa maioría en ESO afirmaban que non se imaxinaban nun futuro a desenvolver un traballo no eido das ciencias, optan despois no ensino postobrigatorio por itinerarios científicos porque é o que se dá por feito que deben estudar".
A enquisa tamén revela que as rapazas teñen máis claro que os rapaces da súa mesma idade que queren facer das súas vidas, sobre todo cando chegan ao Bacharelato. Dende Xuvenciencia destácase que "os prexuízos e estereotipos de xénero poden funcionar aquí de xeito que as rapazas se permiten moito menos a si mesmas un tempo de procura, de ensaio e erro, xa que asumen que van ter que demostrar que son válidas e que están comprometidas ao cen por cento co que fan".
Mentres que os rapaces de ensino medio se decantan polas enxeñarías e as ciencias experimentais como opcións para a súa carreira futura, elas prefiren as ciencias da saúde e as ciencias sociais e humanidades, os ámbitos nos que a presenza feminina é máis habitual
En canto ás áreas de coñecemento específicas polas que mozos e mozas optan finalmente, a enquisa revela que mentres que os rapaces de ensino medio se decantan polas enxeñarías e as ciencias experimentais como opcións máis atractivas para a súa carreira futura, elas prefiren as ciencias da saúde e as ciencias sociais e humanidades, os ámbitos nos que a presenza feminina é máis habitual.
As expectativas que se marca a rapazada para a súa carreira futura constitúen outra das variables analizadas por XuvenCiencia neste estudo, no que se aprecia que os aspectos máis valorados ou desexables para as rapazas están asociados con tarefas motivadoras, aprendizaxe e co feito de contribuír ou realizar achegas á sociedade. A diferenza, os rapaces ponderan máis o confort e prefiren dispor de tempo para a familia e as amizades. O espírito aventureiro non semella ser moi grande entre a mocidade, aínda que son eles os que recoñecen ter menos gañas de viaxar polo mundo.