Unicef critica os recortes da Xunta. A Axencia das Nacións Unidas para a Infancia destaca no seu último informe para España "a redución no gasto público do Estado en moitos ámbitos, dos que non escapan os directa ou indirectamente relacionados cos nenos". A organización subliña que coa chegada da crise económica "as axudas monetarias ás familias e á infancia desaparecen ou restrínxense" en varias administracións, e censura que o Executivo autonómico substituíse "a gratuidade universal dos libros de texto por un sistema de bolsas con moito menos alcance".
"Algunhas comunidades que foran pioneiras na gratuidade universal dos libros de texto mediante programas de préstamo e reutilización como Castela-A Mancha ou Galicia suprimiron estas axudas e subsituíronas polos sistemas de bolsas con moito menos alcance", asegura o informe, que critica tamén que Madrid "eliminase as bolsas aos libros e cadernos de exercicios dos rapaces de educación infantil". A gratuidade dos materiais escolares fora unha medida instaurada polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG e eliminada polo Executivo do PP ao pouco de chegar a San Caetano.
En referencia a datos concretos, o informe de Unicef destaca a boa situación de Galicia en canto ao número de bibliotecas. Nesta listaxe, a comunidade sitúase como a cuarta autonomía con máis espazos de lectura, con 13 bibliotecas por cada 10.000 cativos, só superada por Estremadura, Aragón e Castela-A Mancha. Sobre consumo televisivo, os rapaces galegos son tamén dos que menos tempo pasan fronte a ela, cun 37% de mozos que gastan polo menos dúas horas ao día vendo a tele, e ante o 47,6% de media estatal.
"Coa crise, as axudas monetarias a familias e á infancia desaparecen ou restrínxense"
Por outra banda, o alarmante informe de Unicef destaca que os nenos son xa o colectivo máis pobre no Estado, así como o máis afectado pola crise económica. Case 2,2 millóns de nenos viven por baixo do limiar da pobreza en España (menos do 60% da media dos ingresos anuais por fogar), o que supón 205.000 menores máis que hai dous anos, segundo o informe Infancia en España 2012-2013 que vén de ser presentado por Unicef España.
O documento destaca que a pobreza infantil, que estivo estabilizada durante os últimos anos no 24% dos menores de idade, superou xa o 26%, unha cifra que nunca se alcanzara para os cativos desde que existen datos oficiais. Ademais, sublíñase tamén que o número de fogares con rapaces con todos os seus membros adultos sen traballo creceu un 120% entre 2007 e 2010.
O número de fogares con nenos nos que todos os membros están sen traballo medrou un 120%
Do mesmo xeito, a pobreza crónica (aqueles que levan tres dos catro últimos anos baixo o limiar da pobreza) incrementouse nun 53% en tres anos, mentres que en 2010 o 13,7% dos nenos vivía en fogares cun nivel de precariedade alta (familia con dous nenos menores de 14 anos con ingresos inferiores a 10.983 euros anuais), sendo a cifra máis elevada de todos os países da UE dos 15, e só por debaixo de Romanía e Bulgaria na Europa dos 27.
En canto ao número de familias con baixos ingresos que reciben axuda da Seguridade Social por cada fillo a cargo sitúase en máis dun millón en 2011, o que supuxo un crecemento de case 100.000 colectivos nos últimos dous anos. Estes datos produciron, segundo Unicef, que haxa un cambio nos costumes de consumo, afectando nun primeiro momento a actividades de lecer pero que se estendeu tamén á educación dos nenos, a participación en actividades extraescolares e finalmente a gastos relacionados coa alimentación.
"Os custos de non actuar agora afectan os nenos e comprometen o crecemento e o benestar da sociedade"
A directora executiva de Unicef España, Paloma Escudero, cre que é "imprescindible mirar máis aló do curto prazo e analizar detidamente o posible impacto presente e futuro das decisións que se tomen en cada momento". "Os custos de non actuar agora non só afectan os nenos e as familias máis vulnerables senón que comprometen o crecemento e o benestar de toda a sociedade a medio e longo prazo", dixo.
Unicef propón recuperar o rostro humano do impacto da rise e advirte de que os nenos sofren como poucos o aumento no estrés dos aduultos, o que incrementa a tensión e provoca tamén un sentimento de culpa entre os máis pequenos. "É neceario protexer os dereitos dos nenos; o custo de oportunidade social e econóimco de non intervir a medio e longo prazo é moi alto", asegura Unicef, que cre "urxente e importante" apostar polos cativos, polo que solicita que as políticas da infancia "volvan á axenda política porque esta aposta é estratéxica".
"As políticas da infancia deben volver á axenda porque é unha aposta estratéxica"
"Comprobouse que con políticas adecuadas a situación destes colectivos mellorou cando se incluíron na axenda política", explicou Escudero, que puxo como exemplo o traballo con colectivoc como a terceira idade ou as vítimas da violencia de xénero. Así, entre as propostas de Unicef para realizar estas políticas atópase a protección dos investimentos destinados á infancia; situar aos nenos e as súas familias no núcleo das decisións políticas; mellorar a coordinación, a eficacia e a coherencia na xestión da saúde, a educación, a protección da infancia e a loita contra a pobreza, así como elaborar un Plan Nacional contra a Pobreza Infantil.